Anuncios
Ticker de novas

Bai Senpulgas, ao límite das súas posibilidades, pide axuda para afrontar os seus gastos

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Beatriz González e Lola Blach na zona dedicada ao paseo dos cánidos.

A protectora de animais Bai Senpulgas volve pedir axuda para poder afrontar o pago de facturas. Segundo indican desde o colectivo, nestes momentos teñen 6.000€ de débeda en veterinarios. “Estamos a ter moitísimos casos graves e moi pouquiños ingresos. Entre as cirurxías de traumatoloxía tan complicadas de Adael, Potro, Fiscal Lago… sumado ás esterilizacións de todos os animais adultos que van entrando, chip, vacúas e outras atencións veterinarias diarias… fainos estar ao límite das nosas posibilidades”, sinalan.

Desde a Asociación advirten que agora mesmo non van poder recoller máis animais, tan só os que están incluídos nos convenios asinados cos Concellos de Oia e Baiona, de quen recibe 1.800 e 3.000 euros respectivamente. “Sabedes que sempre axudamos en todo o que podemos, moitas veces máis aló das nosas posibilidades… agora somos nós os que vos necesitamos, por moi pouquiño que sexa… e unha vez máis… mil grazas”, conclúen desde Bai Senpulgas.

Todo aquel que queira colaborar pode facelo na conta ABANCA ES30 2080 5015 6130 4002 8917, indicando nome completo e DNI, ou a través de Teaming ou PayPal. Máis información no teléfono 645 181 585.

Durante o ano 2018 a protectora de animais Bai Senpulgas recolleu un total de 241 animais, 99 cans e 142 gatos, nos municipios de Baiona, Forcarei, Gondomar, Nigrán, O Rosal, Oia, Ourense, Pontecaldelas, Redondela, Tomiño, Vigo, A Guarda e Tui. O gasto total anual da protectora foi de 70.155,74 euros, contando só con ingresos fixos de 83 socios, que achegan 4.980 euros, e 22 empresas colaboradoras, das que recibiron un total de 5.313 euros, ademais dos convenios con Oia e Baiona.

Anuncios