Oito ouros, dúas pratas e un bronce para o Club de Loita Sabarís no Campionato Galego sénior e cadete

O Pavillón de Santa Isabel en Santiago de Compostela acolleu este sábado en xornada de mañá o Campionato Galego sénior e cadete de Loitas Olímpicas. A competición disputouse en tres tapices oficiais e estivo dirixida polo Colexio Galego de Árbitros, para dinamizar aos máis de 100 inscritos na competición das 3 modalidades olímpicas: Libre Feminina, Libre Olímpica e Grecorromana.

O Club de Loita Sabarís conseguiu un total de 11 medallas, oito delas de ouro, dúas de prata e unha de bronce. Por equipos, finalizou no terceiro posto, tanto en Loita Libre Olímpica como en Grecorromana. Omar Rodríguez en 74 kg, Anxo Uzal en 65 kg, David González en 55 kg e Cristian Suárez en 70 kg levaron o ouro en ambas as dúas modalidades. Diego Otero volve a Baiona con dúas medallas de prata en 70 kg, tanto en Libre Olímpica como Grecorromana, e Breixo Martínez fíxose coa medalla de bronce en 60 kg Libre Olímpica.

Na competición estiveron presentes 16 clubs que representaron as catro provincias galegas, buscando praza para o Campionato de España.

Anuncios