Preto dun centenar de maiores inician o curso de ximnasia e mantemento en Gondomar

O pasado luns comezou o curso gratuíto de Ximnasia e Mantemento para Maiores, ofertado pola Concellería de Benestar Social do Concello de Gondomar, e no que participan preto dun centenar de persoas maiores de 55 anos. O obxectivo é tratar de previr, estimular e mellorar as capacidades físicas a través de diversas actividades e promover un envellecemento activo. A duración será de todo un ano, exceptuando as vacacións de Semana Santa e xullo e agosto, todos os luns, mércores e venres, en dúas quendas de 45 minutos.

Outros dous cursos

O Departamento de Benestar Social de Gondomar oferta outros dous cursos para maiores de 55 anos, Informática Básica e Obradoiros de Estimulación de Memoria.

No de Informática Básica para Maiores aprenderán o manexo de programas básicos informáticos de uso cotián, así como potenciar o uso das novas tecnoloxías da comunicación e información nese colectivo. A duración é de 10 meses, desde febreiro ata decembro exceptuando as vacacións, e impartirase os mércores e xoves, en horario de tarde, desde as 16:30 ata 18:00 horas.

A maiores, continúase un ano máis cos Obradoiros de Estimulación de Memoria para Persoas Maiores, onde levan a cabo diversas actividades co fin estimular as funcións mentais, manter activos aos usuarios en todos os niveis, mellorar o estado anímico, fomentar as relacións sociais, en definitiva mellorar a súa calidade de vida. A duración do curso é desde febreiro ata xullo, dous días a semana, martes e xoves, en dúas quendas de hora e media cada un.

Anuncios