UCN lamenta a perda da subvención da Xunta para a mellora dos accesos a Porto do Molle

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Rúa Ponte Muíña.

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, lamenta a perda da subvención que fora outorgada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta, para a mellora dos accesos ao parque empresarial de Porto do Molle por importe de 120.000€, o que supoñería un 47% no financiamento das obras executadas, xa que o resto correspondíase con cargo aos fondos municipais, sumando un investimento total de 253.000€.

UCN pedirá información do expediente ao alcalde Juan González para ter unha información máis fundada e analizar as verdadeiras causas que levaron á Xunta á anulación da subvención outorgada, e de confirmarse os argumentos expostos polo alcalde, e unha vez analizados os informes xurídicos correspondentes, apoiarán ao goberno local na interposición dun recurso Contencioso-Administrativo contra a Consellería de Economía e Industria da Xunta, para defender os intereses dos veciños de Nigrán, polo que puidese entenderse como un acto arbitrario e prexudicial para os intereses municipais por parte do Organismo Autonómico.

UCN lembra que chove sobre mollado, xa que en xullo de 2015 Augas de Galicia anulou un convenio aprobado na anterior lexislatura (23/12/2013) por importe de 1.000.000€, para financiar diversas obras de saneamento e abastecemento a Parada, dos que 800.000€ serían achegados pola Xunta e 200.000€ de fondos municipais, e que ademais, nin tan sequera contestou os requirimentos formulados polo Pleno, pois o 13/4/16 Augas de Galicia comunicou ao Concello que se entenden desestimados por silencio administrativo, “polo que resulta insólita a súa forma de proceder”.

UCN desconforme coa actitude da Xunta presentou moción ao pleno de xullo de 2016 para forzar unha resposta por escrito –que nunca chegou- así como facultar ao alcalde para emprender as accións necesarias en defensa dos intereses municipais, “acordo que foi aprobado por unanimidade, pero que con todo, o alcalde nunha actitude sumisa nada fixo, deixando pasar os prazos regulamentarios para a interposición dun contencioso-administrativo, co peregrino argumento de non querer xudicializar o conflito -cando ao noso entender-, foi un grave erro o non acudir á vía xudicial, polo que o alcalde asumiu o seu parte de responsabilidade na perda da subvención”.

Fernández Comesaña, advirte que precisamente o goberno local non pode presumir de eficacia na súa xestión, dado que non é a primeira vez que se perden subvencións -tanto da Xunta como da Deputación-, por falta de dilixencia na súa tramitación e xustificación, tales como entre outras: a perda de 18.000€ no ano 2017 dunha subvención da Xunta, para a adquisición de mobiliario do Salón de Plenos e que finalmente tivo que financiar o Concello na súa totalidade os 20.800€ de gasto, previa aprobación do recoñecemento polo pleno, “por culpa fundamentalmente dunha política de mediática e de propaganda pero de escasa ou nula xestión”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios