Baiona xa custodia unha parte da historia do aviador Manuel Barreiro

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Concello de Baiona recibiu este mércores os documentos históricos do famoso aviador Manuel Barreiro Álvarez (1880-1940, Baiona) por parte do Instituto de Historia e Cultura Aeronáutica nun acto ao que asistiron unha vintena de familiares. A documentación fai referencia ao incidente sufrido polo aviador en 1913, durante a Guerra de Marrocos, cando foi ferido mentres sobrevoaba o Monte Cónico e se converteu no primeiro piloto que recibiu a Cruz Laureada de San Fernando da Aviación Española.

O xeneral xefe Santos Serra Pérez fixo a entrega das catro imaxes ao alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e ao sobriño do aviador, Guillermo Barreiro del Barrio, no Auditorio da Casa da Navegación, para que a documentación pase a ser exposta no museo da Vila. Guillermo Barreiro agradeceu a cesión por parte do Instituto de Historia e o interese do Concello por recuperar o pasado do seu familiar.

A documentación entregada este mércores consta dunha fotografía do biplano no que aterrou no aeródromo de Sania Ramel, unha imaxe do capitán, o telegrama dirixido a superioridade dando parte do incidente e a orde do capitán Kindelán, xefe da primeira escuadrilla expedicionaria, pola que se ordena o recoñecemento do monte Cónico.

Manuel Barreiro xa foi nomeado no ano 2013 fillo predilecto de Baiona e nos documentos doados nárrase o feito histórico protagonizado polo capitán de enxeñeiros en 1913 no que resultou gravemente ferido.

Manuel Barreiro (1880-1940)

Manuel Barreiro Álvarez naceu en Baiona o 23 de outubro de 1880, na casa que hoxe ocupa o Hotel Pinzón. Enxeñeiro militar, incorpórase en 1913 ao servizo da aeronáutica militar e realiza o seu primeiro voo nun biplano Maurice Farman. O 6 de outubro é nomeado aviador militar de 2ª categoría sendo destinado á escuadrilla do capitán Alfredo Kindelán para participar na Guerra de Marrocos.

O 19 de novembro de 1913, xunto ao seu compañeiro, o capitán Ríos, sobrevoaban o monte Cónico para facer un voo de recoñecemento cando tiveron que descender, momento no cal recibiron varios disparos sobre o avión, sendo gravemente ferido no peito Barreiro. Os aviadores foron extraídos do aparello en estado grave. Un telegrama do Rey Alfonso XIII ascendía a ambos e uns días despois abriuse o expediente para a concesión da Cruz Laureada de San Fernando.

Foron os primeiros aviadores militares feridos en combate e recibiron a primeira Cruz Laureada de San Fernando que entregou a Aviación Española. Manuel Barreiro Álvarez faleceu na súa casa natal de Baiona o 13 de xullo de 1940.