Gabriela Bouzada Senra é xa toda unha atleta con tan só 7 anos de idade. Natural de Baiona, na actualidade vive xunto cos seus pais e o seu irmán en Nigrán. Pertence á Sociedade Atlética Val Miñor e compite na categoría Sub 10 (Benxamín de primeiro ano). Ademais de participar en numerosas carreiras ao longo e ancho da provincia xa conta con marca persoal en pista cuberta.
Na mañá do pasado sábado participou na Coruña nunha proba puntuable de 500 metros na pista de Riazor, finalizando en segunda posición cun tempo de 1:46:04, e pola tarde foise a Ourense para conseguir marca na proba de velocidade de 50 metros, logrando o primeiro posto e un tempo de 8:58. Con estas marcas, ocupa a segunda posición no Ránking da Federación Galega de Atletismo de Pista Cuberta en 500 metros e a terceira no de Pista Cuberta 50 metros.
Con estes resultados, poderá ir ao Campionato Galego de categorías menores. Tamén participará no Cros Provincial que terá lugar o próximo día 2 de febreiro en Chenlo, O Porriño, xa que o pasado domingo conseguiu a praza no XX Cros Escolar celebrado en Baiona, quedando primeira da súa categoría, do mesmo xeito que no zonal de Vigo celebrado no CUVI o mes pasado.



