Nigrán espera reunir a máis de 400 nadadores na XIV edición da travesía a nado Costa Serena, que se celebrará o domingo 7 de xullo en Praia América, con cinco percorridos (4 km, 2,7 km e 800 m e os infantís de 50 e 150 m). A travesía, que se consolida como a proba popular de natación con maior participación de Galicia, contará coa presenza de nadadores de 7 Comunidades autónomas (Galicia, Madrid, Cataluña, Estremadura, Castela-León, Castela-A Mancha e País Vasco) e Portugal, con idades comprendidas entre os 5 e 80 anos (Manuel Cruces Prado é o nadador máis veterano). Nesta edición, a participación das mulleres representa máis de 34% do total.
Esta mañá presentouse en rolda de prensa a proba no Club Marítimo de Panxón. Ao acto asistiron o alcalde de Nigrán, Juan González Pérez; os concelleiros de Deportes e Cultura de Nigrán, Sara Penedo e Ricardo Garrido, respectivamente; o xerente do Club Marítimo de Panxón, Ricardo Martínez-Abril; a responsable de márketing do concesionario Ángel Leirós Motos, Celsa Borrajo Leirós; a vicepresidenta da Federación Alcer Galicia, Nuria Cruz; o nadador Mario López, e Beatriz Alvariño Díaz del Río, en representación da organización da proba.
O alcalde de Nigrán, Juan González, incidiu na importancia da celebración da travesía para Nigrán e a comarca do Val Miñor con presenza de nadadores de distintos puntos de España e estranxeiros, consolidándose como unha das citas deportivas máis destacadas de Galicia e Nigrán do verán.
Durante a súa intervención, Beatriz Alvariño agradeceu o apoio do Concello de Nigrán, patrocinadores (Deputación de Pontevedra, Abanca, Froiz, Rodosa, Gadis, Centro Comercial A Ramallosa e o concesionario Ángel Leirós Motos), así como de todos os colaboradores, en especial o Club Marítimo de Panxón, onde se servirá un aperitivo para todos os participantes e acompañantes tras a finalización da travesía, grazas ao apoio de Avigal. Ademais, sortearanse 40 agasallos entre os nadadores inscritos e haberá un servizo de masaxes na meta a cargo do Centro Shalom.
Beatriz Alvariño lembrou que este ano a organización da proba colabora coa Federación Alcer Galicia para recadar fondos para programas de axuda e atención psicolóxica e nutricional de menores con enfermidade renal de Galicia. Na proba haberá un stand da Federación para informar sobre a doazón de órganos. Os participantes inscritos na XIV edición da travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán poden colaborar cunha achega económica no momento da inscrición ou realizar unha transferencia directamente á Federación.
Á rolda de prensa tamén asistiu o nadador do Club de Natación da Estrada, Mario López, que está á espera do seu terceiro transplante de ril, que agradeceu o apoio da organización da travesía coa Federación, e lembrou a importancia da doazón de órganos e promover unha vida saudable mediante a práctica deportiva.
Este ano, a organización renderá unha homenaxe especial ao nadador Carlos Luis García Colomo, falecido este ano, e que participou en varias ocasións na proba. Ao acto de homenaxe, que terá lugar durante a entrega de premios, asistirán os seus familiares e amigos.
As inscricións poderán formalizarse ata o mércores 3 de xullo ás 23:59 horas na páxina web de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com). A inscrición inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, balizado, cronometraxe electrónica por chip, avituallamento, seguro, asistencia médica, servizo de masaxes, premios, fotografía, xeado, aperitivo no Club Marítimo de Panxón, participación no sorteo de material deportivo e medallas para todos os nenos.
A XIV edición da travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán celebrarase o domingo 7 de xullo en Praia América coas distancias de 800 metros, 2,7km e 4 km, ademais dos percorridos infantís de 50 (nenos entre 5 e 8 anos) e 150 metros (nenos entre 9 e 13 anos).
Percorridos
Durante a travesía disputaranse tres percorridos de 4.000, 2.700 e 800 metros, e o neopreno será optativo nas tres distancias. O percorrido longo consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións de Praia América e chegada enfronte do posto de Protección Civil de Panxón. Neste percorrido, os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.
O percorrido de 2.700 metros terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata o faro de Cabezo de San Juan, bordealo e regresar ao momento de meta polo lado dereito.
Na proba de 800 metros, que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal de Praia América e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.
A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, a de 2.700 metros ás 11:50 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 12:00 horas.
Ademais, celebraranse dous percorridos de curta distancia de carácter non competitivo para nenos de entre 5 e 13 anos, preto da beira. Haberá unha distancia de 50 metros (5 e 8 anos) e outra de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:20 horas (150 metros), respectivamente.
A travesía a nado Costa Serena, organizada polo Concello de Nigrán, o Club deportivo Tumetapersonal e Atlantic Extreme Sports, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca, Rodosa, Froiz, Centro Comercial A Ramallosa, Gadis, Sondeos Nigrán e Ángel Leirós Motos. Tamén colaboran Powerade, Avigal, El Playa Nigrán, Frutas Nieves, Arena, Club Marítimo de Panxón, Prado Surf, Valmiñor Ébano, Conservas Alfageme, McDonald’s Rías Baixas, Protección Civil do Val Miñor, Asociación Búsqueda y Salvamento de Galicia, Asociación Vodea, Clubnatacion.com, Waira, Kailúa, Restaurante JR, Talaso Atlántico, pastelería Kami e Tupana.

