Gondomar acometerá melloras en camiños de Borreiros por valor de 238.000 €

O Goberno de Gondomar, dentro dunha serie de medidas encamiñadas a mellorar os accesos nos barrios e parroquias do termo municipal, acomete obras de mellora no Camiño da Igrexa e en San Martiño, ambos os dous situados na parroquia de Borreiros. As actuacións consisten no asfaltado do viario, roza e limpeza das cunetas e noiros, canalización das augas pluviais e colocación de arquetas de recollida. En zonas onde exista posibilidade, executaranse sobreanchos do camiño, tamén se contempla a colocación de barreiras de seguridade, melloras na sinalización vertical de limitación de velocidade, de precaución e aviso de paso de peóns. A superficie das devanditas actuacións é de 4.673 metros cadrados.

Outras actuacións necesarias e moi demandadas polos veciños, para mellorar a seguridade viaria nesta parroquia e que se executarán proximamente con cargo aos Fondos do POS 2017 da Deputación de Pontevedra, son a reparación do pavimento, mellora da recollida de pluviais, e sinalización vertical nos camiños de Aldea Castro e de Esparela, que abarca unha superficie aproximada de preto de 3.000 metros cadrados, e a colocación de redutores de velocidade na contorna da escola de Borreiros.

A maiores, está contemplada a colocación de redutores de velocidade na Urbanización Valmiñor, na contorna do colexio e da igrexa na parroquia de Donas, e na Urbanización San Bieito nas proximidades da escola infantil “A Galiña Azul”.

“Así, o actual Goberno de Gondomar, segue demostrando día a día o seu traballo, esforzo e empeño, por mellorar a calidade de vida nas parroquias, as grandes esquecidas e prexudicadas durante moitos anos”, sinalan desde o Concello.

Anuncios