O PSOE esixe á Xunta que deixe “de actuar de forma partidaria nas súas visitas institucionais”

FOTO: XUNTA DE GALICIA // O conselleiro de Sanidade na súa visita ao Centro de Saúde do Porriño.

O Grupo Socialista na Deputación de Pontevedra vén de enviar a través do seu portavoz, Santos Héctor Rodríguez, unha misiva dirixida ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a todas as conselleiras e conselleiros, no que lles solicita que deixen “de actuar de forma partidaria nas súas visitas institucionais”.

As e os socialistas solicitan na carta que Feijóo e as súas conselleiras e conselleiros “recuperen o principio democrático de lealdade institucional e que respecten a quen lexitimamente representa a veciñanza nos seus concellos”, finalizando con “esta anómala forma de funcionamento que afecta a concellos da provincia de Pontevedra que gobernan a máis de 600.000 persoas”.

Sr. D. Alberto Núñez Feijoo
Presidente da Xunta de Galicia
Edificios Administrativos – San Caetano s/n
15704 Santiago de Compostela

Vén sendo práctica habitual do goberno da Xunta actuar de forma partidaria nas súas visitas institucionais aos concellos da provincia de Pontevedra.

Presidente, Vicepresidente e conselleiros/as van visitar obras ou servizos financiados pola administración autonómica e en lugar de facelo informando e facendo partícipes a alcaldes e alcaldesas de grupos políticos diferentes ao PP, fano co portavoz ou a portavoz da oposición do PP.

Pola contra cando o alcalde ou a alcaldesa é do PP, infórmanlles e fan partícipes das súas visitas e non se invita á oposición.

Esta forma vergoñenta de actuar rompe co principio de lealdade institucional, ademais de ser un ataque aos principios democráticos máis básicos.

Como grupo provincial do PSdeG na Deputación de Pontevedra queremos denunciar esta anómala forma de funcionamento que afecta a concellos da provincia de Pontevedra que gobernan a máis de 600.000 persoas.

Solicitamos que recuperen o principio democrático de lealdade institucional e que respecten a quen lexitimamente representa a veciñanza nos seus concellos.

Santos Héctor Rodríguez Díaz
Portavoz Grupo Provincial PSdeG da Deputación de Pontevedra

Pontevedra, 11 de Xaneiro de 2019

Anuncios