UCN presenta alegacións á modificación número 25 das Normas Subsidiarias

O portavoz do partido Independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, presentou alegacións á modificación puntual número 25 das Normas Subsidiarias de Plan Urbanístico do Concello de Nigrán, aprobadas inicialmente no pleno do 27 de setembro de 2018 e publicadas no DOGA o día 29/10/18, finalizando o prazo de exposición pública o pasado 30 de decembro.

Aínda que UCN votou a favor no pleno de aprobación inicial, xa advertiu de que o documento tiña aspectos que deberían ser manifestamente mellorables durante o trámite de exposición pública e anunciou que farían achegas en positivo para tratar de corrixir algunhas cuestións -que ao seu entender- non quedan suficientemente claras, e nalgúns casos, resultan máis restritivas que as aprobadas pola Xunta no Plan Básico Autonómico, tales como: Rehabilitación e ampliación de vivendas tradicionais en núcleo rural; Construcións auxiliares para almacén, garaxes, grelladas ou similares; Usos compatibles en chans de núcleo rural e urbano; Sistema viario, retranqueos en vías públicas e camiños; Conexión de vivendas ás redes de saneamento e servizos urbanos, etc. Aspectos que se condensan nas cinco alegacións presentadas polo grupo.

UCN resalta como especialmente importante, a claridade que debe darse na norma para a rehabilitación e ampliación de vivendas en chan rústico e de núcleo rural, ao amparo do artigo 40 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Chan de Galicia, que permite a súa rehabilitación, reconstrución, así como a súa ampliación ata un 50% do seu volume. Circunstancia que en certo xeito pode permitir -non só á rexeneración do medio rural-, ao recuperar o patrimonio construído e aproveitar as construcións existentes, senón tamén, ao asentamento de poboación, ademais, tendo en conta a lenta tramitación do PXOM e a previsible tardanza na súa aprobación definitiva e que agrava aínda máis a situación, polo que pode ser un pequeno balón de osíxeno.

Por tal motivo resulta necesario establecer uns criterios claros en base ao indicado no informe da Dirección Xeral de Urbanismo e do Consello Consultivo de Galicia, para as ampliacións de vivendas por cuestións hixiénico-sanitarias, accesibilidade e seguridade, así como tamén polo aumento do número de membros das familias, e non quedar á mera interpretación arbitraria e restritiva dos servizos técnicos municipais. Tamén se propón que as construcións auxiliares en chan rústico e de núcleo rural para garaxes, grelladas etc, poidan ser do 10% da superficie da parcela, cun máximo de 50 m2 e non vinculadas a construción principal, no canto dos 30 m2 propostos, tal como regula o Plan Básico Autonómico.

UCN tamén propón flexibilizar os requisitos para a conexión á rede de saneamento de vivendas cunha antigüidade superior a dez anos, por razóns de salubridade, contaminación do chan, así como de contaminación hixiénico-sanitarias, e ademais, por ser un servizo de carácter obrigatorio, polo que debe facilitarse a súa conexión á rede.

Anuncios