Anuncios
Ticker de novas

Os concellos do Val Miñor, en corentena pola praga do nematodo do piñeiro

A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias vén de declarar no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza de cinco novos positivos do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) e ordena comezar as medidas para a súa erradicación.

Os concellos total ou parcialmente incluídos na zona demarcada son Arbo, Baiona, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Melón, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Redondela, O Rosal, Tomiño, Tui e Vigo.

O nematodo da madeira do piñeiro, Bursaphelenchus xylophilus, é considerada unha das enfermidades de coníferas máis perigosas a nivel mundial. Presenta unha enorme capacidade de dispersión a través da circulación de mercadorías (tanto material vexetal como doutros produtos transportados mediante embalaxes de madeira e do voo natural do seu insecto vector (Monochamus galloprovincialis).

Durante o ano 2010 detectouse por primeira vez a presenza deste organismo na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto no concello das Neves. Como consecuencia deste feito estableceuse un área demarcada e definíronse unha serie de medidas que había aplicar dentro dela para lograr o control e a erradicación da praga. No ano 2016 detectouse un novo positivo no concello de Salvaterra de Miño, próximo á localización daquel do ano 2010, situación que supuxo manter a área demarcada xa establecida das Neves.

Desde a data da primeira presenza, desenvólvese en toda a zona demarcada un plan de actuacións encamiñadas á erradicación do nematodo e á vixilancia para detectar a posible aparición de novos focos, tanto na propia zona demarcada como no resto da Comunidade Autónoma.

Durante o ano 2018 executáronse, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia os traballos de prevención do organismo nocivo Bursaphelenchus xylophilus en aplicación do Plan de continxencia nacional en aplicación da Decisión comunitaria 2012/535/UE, do 26 de setembro de 2012, e a súas modificacións, relativa ás medidas de emerxencia para evitar a súa propagación na Unión. Como froito das prospeccións realizadas para a detección e mostraxe das árbores sintomáticas dentro da zona demarcada desenvolvidas durante o ano 2018 detectáronse varias mostras con presenza de nematodo. As mostras procederon de sete piñeiros situados nos concellos de Salvaterra de Miño, O Porriño, Ponteareas e Tui.

A Resolución da Consellería do Medio Rural resolve establecer unha zona demarcada por Bursaphelenchus xylophilus ao redor das árbores infectadas, cunha vixencia mínima de 4 anos. Esta zona demarcada inclúe a zona establecida de raio de 20 quilómetros arredor das coordenadas do punto positivo detectado no ano 2010 ata un límite de 20 quilómetros e esténdese ao oeste da provincia de Pontevedra nunha franxa de 20 quilómetros desde a fronteira de Portugal.

Dentro da zona demarcada estableceranse medidas de erradicación, atendendo a unha zonificación dentro da zona demarcada segundo a proximidade aos positivos detectados. Dentro desta zona demarcada defínese a zona de corta, que afectará unha área de 100 metros de raio arredor de cada unha das árbores positivas onde se realizarán labores de erradicación de todas as especies sensibles, afectadas ou non polo nematodo.

Outorgarase un prazo de 10 días aos titulares das parcelas situadas na zona de corta para comunicar ao Servizo Territorial de Explotacións Agrarias de Pontevedra, mediante a remisión de copia do correspondente permiso especial de corta, que van realizar persoalmente as medidas previstas nesta resolución, contado desde a súa publicación. A execución destas medidas deberá realizarse antes do 1 de abril. No caso de que estas medidas non se adoptasen no dito prazo, a Administración poderá proceder á súa execución de forma subsidiaria.

Comezarase coa destrución in situ das árbores afectadas e a eliminación das árbores sensibles dentro das zonas de corta co obxectivo da redución do risco de extensión da praga. Así mesmo, farase unha prospección intensiva no perímetro inmediato da árbore afectada na procura de individuos sintomáticos e, de tal xeito, verificarase o alcance do brote.

Anuncios