Baiona convoca o I Certame “Os Bardos” de Mellor Canción Galega 2019

O Concello de Baiona vén de convocar o Certame de Mellor Canción Galega “Os Bardos” para o ano 2019, co obxectivo primordial de impulsar e recoñecer a creación, a diversidade e a calidade da música feita por galegos en lingua galega. Este certame quere facer visible a riqueza que a música galega posúe, e quere facelo dun xeito aberto, universal e inclusivo, sen cotas estilísticas ou doutra índole, coa única condición de que sexa música feita en galego por galegos. Desde xeito, o Concello de Baiona amosa o seu compromiso coa promoción do idioma e da cultura galega.

Poderán participar neste Certame os artistas solistas ou grupos que fagan música en lingua galega. No caso de que os integrantes dun grupo non sexan todos galegos, deberan ser galegos máis do 50% dos integrantes do mesmo. É condición indispensable que canten en galego e/ou que a súa música sexa de raíz galega. O tema ten que ser orixinal e inédito. Non poderán participar neste certame os solistas ou grupos que utilicen nas súas actuacións e/ou espectáculos, playbacks, falsos directos, ou musicas/os de figuración, así como, os que teñan contidos ou actitudes discriminatorias, violentas ou denigrantes.

De todos os temas presentados, seleccionaranse dez cancións finalistas, das que se elixirá a “Mellor canción galega” nun Festival que terá lugar no Auditorio V Centenario de Baiona nas datas que determine a organización.

A canción gañadora será premiada con 600€, e ademais terá a oportunidade de actuar cun concerto na programación cultural do Baiverán baionés, concretando a data co departamento de cultura do Concello de Baiona e cun caché que non poderá superar os 200 € como máximo. O segundo finalista recibirá 400€ e o terceiro 250€.

As solicitudes para participar presentaranse ata o 24 de xaneiro, na oficina de Rexistro do Concello de Baiona en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou por correo postal en sobre pechado, á atención do departamento de cultura. Deberase presentar solicitude asinada polo titular ou representante legal, fotocopia do DNI do solicitante e no seu caso do CIF, declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias estatais, autonómicas, Seguridade Social, Oral e o Concello de Baiona e certificado de conta bancaria da Asociación ou dun representante no caso de grupos informais.

Tamén haberá que presentar unha unha ficha técnica do proxecto musical por triplicado, na cal se realice unha pequena descrición do tema presentado, detallando o título, a duración e autoría, 3 dispositivos CD-ROM coa canción/tema participante en formato mp3, coa indicación do artista ou grupo e o nome do tema para o xurado, 1 USB coa canción no mesmo formato (mp3) para o Concello de Baiona, 1 fotografía recente do grupo ou solista, unha relación nominal mecanografada das persoas que compoñen o grupo, con indicación da súa procedencia e do instrumento que tocan e a letra do tema debidamente mecanografada.

O xurado estará composto por 3 integrantes designados polo Concello de Baiona, relacionados co eido da música e/ou a literatura e por un funcionario do servizo de cultura en calidade de secretario. A composición do xurado darase a coñecer unha vez rematada a fase de valoracións. O xurado elixirá a canción/tema gañador en base a criterios de calidade literaria, calidade musical, interpretación e orixinalidade. Se o xurado apreciase que a calidade dos temas presentados non alcanzaran un mínimo, poderase declarar deserto o certame, ou eliminar algún dos premios establecidos.

A convocatoria, os anexos e formularios estarán dispoñibles na páxina web do concello www.baiona.org.

Anuncios