Anuncios
Ticker de novas

Feijóo recibe aos gondomareños Jose Manuel Torres e José Rodríguez como campións do Mundial de bolos

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, recibiu este xoves na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela aos campións galegos en competicións internacionais nos anos 2017 e 2018. Pola Federación Galega de Bolos acudiron os xogadores Jose Manuel Torres do club de bolos San Cibrán e José Rodríguez do club de bolos Mañufe, ambos de Gondomar, tras proclamarse campións do Torneo Mundial de bolos celebrado en Sudamérica (Montevideo e Bos Aires) no mes de marzo de 2018.

Jose Manuel Torres foi o gañador nas modalidades individual, de parellas e por equipos, mentres que José Rodríguez foi o campión nas modalidades de parellas e por equipos. Estiveron acompañados no acto polas súas respectivas esposas, polo presidente da Federación Galega de Bolos, Isidro Costas, e polo presidente do club de bolos Camos, Javier Fernández.

Feijóo destacou os valores dos 195 medallistas galegos como inspiración para os deportistas máis novos. “Estamos a falar de 353 medallas internacionais, 126 delas de ouro; e de 353 veces nas cales toda Galicia compartiu o orgullo de conseguir todas esas vitorias e de ser os mellores no medio cento de especialidades deportivas”, dixo.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta enxalzou o esforzo, a capacidade de superación e os éxitos conseguidos por todos eles, froito tamén do traballo e a vocación dos técnicos, dos adestradores, dos clubs, das federacións e das familias que os apoian.

Así mesmo, incidiu en que todos eles son o maior incentivo para o deporte de base, “porque ademais de levar a bandeira galega polo mundo enteiro, abandeirades tamén os valores que a nosa mocidade debe seguir”, dixo, ao que engadiu que a aposta polo deporte e a actividade física é xa unha aposta por transformar a sociedade.

“Grazas por ensinarnos cada día para soñar, desexar, sorprendernos e crer”, concluíu o responsable do Executivo autonómico.

Anuncios
error: Content is protected !!