CABE súmase ás protestas pola falta de información respecto das obras no centro de Gondomar

Gondomar Concello Aberto denuncia que as obras da Praza da Paradela están a causar unha grave falta de respecto á cidadanía en xeral e a quen vive na zona en maior medida. “A imposibilidade de acceso con vehículos ao Centro de Saúde, entón que se fai coas ambulancias e as persoas con mobilidade reducida? A falta de información aos veciños, o non deixar acceso aos negocios e comercios varios, poucas indicacións e malas, a carencia de luz polas noites, parece que consumiran toda a corrente no Nadal as árbores e edificios institucionais! A mala colocación dos valados protectores das obras, etc”.

Segundo CABE, estes feitos son de total falta de atención e poñen en perigo a normal convivencia mesmo no camiñar das persoas e na vida da cidadanía, “e amosan, unha vez máis, o desprezo e a prepotencia deste alcalde que busca o voto da poboación mais desprezando á poboación”. Desde CABE consideran que outra forma de facer política é posible, polo que esixen ao alcalde, Paco Ferreira, unha rectificación urxente e que mellore a atención e servizo á cidadanía de Gondomar, “a pesar de sabermos que as obras teñen sen dúbida as súas molestias inerentes”.