
ABANCA e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) veñen de renovar o seu convenio de colaboración co obxectivo principal de apoiar aos negocios de proximidade adheridos a través dunha serie de condicións especiais no acceso a produtos e servizos bancarios.
O texto foi rubricado en Baiona polo director da oficina de ABANCA nesta localidade, Francisco Javier Rodríguez, e polo presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, Marcos Comesaña. Durante o encontro, conversaron sobre os retos aos que se enfronta actualmente a actividade comercial e empresarial da localidade pontevedresa.
O acordo detalla unha serie de produtos e servizos financeiros deseñados para responder ás necesidades do comercio de proximidade, polo que os asociados poderán gozar de produtos que lles permitan poñer en marcha novos proxectos empresariais e mellorar a competitividade dos actuais. ABANCA tamén ofrece unha serie de préstamos hipotecarios e leasing dirixidos aos investimentos, que contan con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros competitivos.
Os asociados contan cunha oferta de pólizas de crédito, anticipos, avais, cofirming ou liñas de desconto comercial, que lles permitirán contar con condicións especiais para atender ás necesidades do día a día dos seus negocios.
Mediante este acordo, o banco fortalece así o seu compromiso cos negocios locais. Co obxectivo de apoiar as súas necesidades, moitas delas xeradas a raíz da crise da Covid-19, activa as liñas de financiamento oficiais do organismo público ICO. A maiores, o documento recolle unha oferta mellorada para a contratación de dispositivos TPV físicos e virtuais. Así mesmo, os empresarios e comerciantes poderán gozar das vantaxes que lles ofrece o Programa Servizos ABANCA, que permite aforrar no pago dos servizos bancarios máis habituais.