Melchor, Gaspar e Baltasar congregan a centos de persoas nas rúas de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Cabalgata de Reis en Baiona.

As principais rúas de Baiona enchéronse un ano máis de centos de veciños e visitantes de todas as idades para recibir ás súas Maxestades de Oriente. Melchor, Gaspar e Baltasar partiron desde a rotonda da Urbanización Ponte Romano de Sabarís para continuar por Julián Valverde, Porta do Sol e a Avda. Urbana ata a Praia de Santa Marta, onde se uniu a Comitiva Real.

A Rondalla de Freixo de Valladares, con 75 compoñentes, foi a encargada de encabezar o desfile. Seguíronlle a Rondalla de Beade, con máis de 70 integrantes, e as carrozas do Baíña Fútbol Sala e do Erizana Club de Fútbol, con 50 e 30 membros respectivamente.

Tampouco faltou a animación, co grupo Barafunda, cun total de 6 pompeiras que lanzaron ao aire unha infinidade de pompas que fixeron as delicias dos máis pequenos, o grupo de animación portuguesa WEE, con 5 emojis xigantes, e Pablo Méndez Performances, cun bloque de temática mariña a xogo coas carrozas dos Reis.

Abrindo o paso ás súas Maxestades os Reis Meigos de Oriente foi un séquito de figuras en movemento e personaxes característicos do fondo do mar que encheron de fantasía e ilusión aos máis pequenos da casa.

A Comitiva Real encheu de cor e música os máis de dous quilómetros de percorrido, pasando pola Avda. Monterreal, Alférez Barreiro, Paseo Elduayen e Carabela Pinta, repartindo máis de 2.000 kg de caramelos aptos para celíacos.

Para finalizar, despois dunha gran tirada de fogos de luces, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, fixo entrega aos Reis da chave mestra coa que poderán acceder esta noite a todas as vivendas da vila. Despois, Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron a centos de nenos e nenas, aos que entregaron o primeiro agasallo da noite.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.