A Xunta licita o servizo de explotación e mantemento da presa de Baiona por máis de 237.000 €

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Encoro de Baíña.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar na plataforma de contratación o servizo de explotación, conservación e mantemento da presa de Baiona por un investimento de máis de 237.000 euros. As empresas interesadas en acometer este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 22 de xaneiro.

Este contrato ten como obxectivos explotar, conservar e manter a presa de Baiona, así como os seus equipos e instalación. Para isto, será necesario realizar a conservación de todos os dispositivos de control, órganos de desaugue, accesos e demais instalacións, equipos auxiliares e sistemas de comunicación.

A presa de Baiona encora as augas do río Baíña e está situada no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa. Ten unha altura sobre cimentos de 43,50 metros e un volume encorado de 0,64 Hm3. Esta infraestrutura é explotada pola Xunta, a través de Augas de Galicia, que apoia ao Concello no desenvolvemento das súa competencias de prestación do servizo municipal de abastecemento.

Trátase dunha das principais infraestruturas de abastecemento de auga deste concello, xa que dende este encoro cáptase a maior parte da auga que a súa poboación demanda anualmente.