1.500 persoas recordan a Isaac Cabral na San Silvestre Solidaria de Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Homenaxe a Isaac Cabral na San Silvestre Solidaria de Nigrán.

O Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor celebraron este domingo por cuarto ano consecutivo a carreira San Silvestre Solidaria para despedir o 2018. A proba deportiva, non competitiva, constou de 6 km, con saída dende o Pavillón Municipal de Panxón (lugar tamén da meta) pasando polo porto, o sendeiro azul e Monte Lourido. Os participantes debían achegar 1 kg de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Municipal a cargo dos Servizos Sociais do Concello, que os distribuirán entre as persoas máis desfavorecidas.

Concello de Nigrán, Club Argonautas do Miñor, Club de Piragüismo Ría de Aldán e compañeiros da Piscina Mancomunada do Val Miñor dedicaron a carreira a Isaac Cabral Alonso, deportista falecido o día 23 facendo piragüismo fronte a costa de Baiona. Ex traballador da piscina Mancomunada do Val Miñor e integrante dos dous clubs, Isaac era un gran deportista e unha persoa moi querida na comarca.

Así, no inicio da proba, amigos e familiares de Isaac dixeron unhas breves palabras na súa lembranza e a continuación as preto de 1.500 persoas que se desprazaron ata o Pavillón foron camiñando ata o Peirao de Panxón, onde lanzaron un ramo de flores ao mar no que Isaac tanto gozou e no que perdeu a súa vida. Un minuto de aplausos pechou a homenaxe para finalmente dar inicio á carreira solidaria.

“Nun primeiro instante barallouse suspender a proba, pero entre todos consideramos que a Isaac no lle gustaría que así fora e por iso decidimos que a San Silvestre 2018 fose unha carreira na súa lembranza, queremos recordalo todos precisamente facendo deporte, a súa gran paixón”, sinala o alcalde, Juan González.

A carreira rematou ao mesmo tempo que o Torneo Solidario de Nadal do Fútbol Sala Panxón-Nigrán, polo que se celebrou unha gran festa final no Pavillón á que se sumou o Club Baloncesto Nigrán e que constou de chocolatada e do concerto de Argonat Band.

“A aposta deste goberno polo deporte é total e absoluta e cremos que a mellor maneira de despedir o ano é precisamente facendo deporte, facéndoo en comunidade e divertíndonos para que sexamos quen de incorporalo aos hábitos dos máis pequenos”, indica Juan González, alcalde de Nigrán e quen iniciou no 2015 a celebración desta proba que forma parte ineludible xa do calendario deportivo nigranés.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios