O Apalpador visita este domingo Baiona e Gondomar

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // O Apalpador en Gondomar.

A Apalpadora e O Apalpador baixan un ano máis da montaña para visitar ás e aos cativos da provincia da man da Deputación de Pontevedra. Desde o 20 de decembro e ata fin de ano, visitarán un total de 36 concellos ao abeiro do programa “Nadal en Galego”, que o Servizo provincial de Cultura e Lingua pon en marcha por cuarto ano consecutivo. Este domingo día 30, O Apalpador estará en Baiona, ás 12:00 horas na Alameda Carabela Pinta (se chove na Capitanía Marítima), e en Gondomar, ás 17:00 horas na Praza da Alameda (se chove no Auditorio Lois Tobío).

«Esta edición supón a consolidación deste programa que conta xa cunha certa demanda por parte dos concellos, e este ano a principal novidade é que o percorrido se realizará por concellos adheridos ao Plan Revitaliza en consonancia cos valores medioambientais que caracterizan esta figura mítica do Nadal de noso», indica o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ao respecto do itinerario deste ano. Ao igual que o ano pasado, a metade das actuacións previstas as vai realizar unha Apalpadora, «co obxecto de seguir normalizando a presenza da muller nun contexto como é o Nadal, no que ata o de agora non existían referentes míticos en clave feminina», engade.

As actuacións da Apalpadora e O Apalpador terán como eixo central a sensibilización sobre o coidado do medio natural, con especial incidencia na xestión dos biorresiduos, así como no coidado do monte e a preservación das especies autóctonas. Por segundo ano consecutivo, cada actuación rematará cun reparto de landras entre a rapazada, que se realizará en sobres deseñados especificamente para este itinerario que baixo o título “Como ter un carballo. Sementa un carballo” recollen unha explicación sobre o proceso de xerminación da landra e das súas características. O espectáculo tamén inclúe a narración oral e a música, para o que A Apalpadora e O Apalpador van acompañados dun acordeonista, que xiran ao redor de historias tradicionais galegas, así como da importancia da compostaxe, de coidar os montes e da necesidade de evitar os incendios.

Este programa está concibido coa idea de fomentar transversalmente o uso e a dinamización do idioma, os valores ligados ao medio ambiente, os hábitos saudables e o coñecemento da tradición de Nadal de seu. É un espectáculo que vincula o Nadal coa tradición, recuperando unha figura que forma parte dos trazos identitarios galegos, para que as e os máis novos poidan familiarizarse con esta figura mítica galega e coñecer a súa historia. Orixinalmente “O Apalpador” representábase como un carboeiro de barba vermella e, segundo a tradición, baixaba ás vilas desde as montañas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas para ver se comeran suficiente durante o ano e deixáballes a cambio agasallos e castañas, ao tempo que lles desexaba un novo ano cheo de felicidade e comida.