Xunta e Fegamp renovan a colaboración para o mantemento dos GES

A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) renovaron o convenio de colaboración para seguir mantendo e mellorando o funcionamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), nun acto onde participaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Medio Rural, José González; e o presidente da Fegamp, Alfredo García.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou que é un exemplo de colaboración, no que colaboran a Xunta, Fegamp e as Deputacións provinciais para garantir a seguridade dos galegos e para completar o mapa de resposta ás emerxencias. A Xunta manifestou desde o primeiro momento o seu máximo compromiso cos GES, uns servizos competencia de concellos e deputacións segundo a Lei de Emerxencias, pero que o Goberno galego considera esenciais, de aí que veña colaborando no seu financiamento desde a súa creación en 2013.

Este convenio vén a substituír o anterior, que estaba vixente desde 2013, e recolle ademais do acordo en materia de financiamento, a delimitación de funcións destes grupos de intervención para que estean especializados en tarefas de prevención de emerxencias e de protección civil.

Nesta ocasión, o acordo será de carácter trienal e suporá un investimento por parte do Goberno galego de 13,7 millóns de euros -cofinanciados polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader)- para o financiamento destes grupos de intervención, o que supón o 52,5% por cento do total do seu custo, tal e como se acordou no marco das reunións previas mantidas entre Xunta, Fegamp e deputacións provinciais co fin de acadar o máximo consenso á hora de renovar o convenio para o mantemento destes grupos de intervención, que prestan un servizo fundamental na atención ás emerxencias.

Entre as súas funcións, pode destacarse a intervención en incendios forestais e urbanos no ámbito territorial da súa demarcación, en coordinación co distrito forestal ou co parque comarcal de bombeiros, en función do tipo de lume; prácticas preventivas nos terreos forestais, camiños e espazos públicos para previr incendios; actuacións de prevención de pragas, como a vespa velutina; ou intervencións en situacións de risco e de emerxencia para manter a rede de estradas ou en situacións derivadas de riscos naturais. Os GES tamén poden manter colaboracións con protección civil ante calquera situación que implique riscos para persoas, bens ou o medio ambiente.

Ademais hai que destacar a relevancia deste acordo para o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais xa que, grazas a el, os seus membros colaboran no operativo antilumes. De feito, os integrantes dos GES non só intervirán na extinción dos incendios, senón que farán actuacións preventivas para crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal, mediante rozas en terreos forestais ou de influencia forestal de titularidade dos concellos ou de propietario descoñecido e perímetros e parcelas declaradas como abandonadas, entre outras. Polo tanto, a colaboración que prestan estes equipos é tamén fundamental, pois axudan a protexer o monte e bens non forestais, contribuíndo así a mellorar a seguridade das persoas e das súas propiedades.

Anuncios