Manifesto Miñor denuncia que tras a clausura “sine die” do Punto Limpo de Gondomar aumentaron considerablemente o número de verteduras incontroladas na natureza.
“Persoas que gustan de pasear polas nosas paisaxes ou as Comunidades de Montes, teñen detectado un aumento considerable do número de verteduras incontroladas nos montes do concello de Gondomar. Nunca desapareceron definitivamente os irresponsables que depositaban verteduras contaminantes nas nosas forestas, pero dende que o Concello de Gondomar pechou o 10 de outubro estas instalacións, ás agachadas, o número de incidentes e atentados ecolóxicos téñense multiplicado expoñencialmente; colchóns, residuos de obra, electrodomésticos…”, sinala Xosé Antón Araúxo.
Desde Manifesto Miñor recordan que un Punto Limpo é unha instalación municipal que ten como principal función a de ofrecer aos cidadáns do municipio un lugar para depositar por separado os residuos xerados nos seus fogares, tanto reciclables como tóxicos ou perigosos. Residuos que por peso, volume, características ou perigosidade, non deben sen depositados nos colectores do lixo. “É fundamental que podamos dispor deste servizo para preservar os nosos espazos naturais, tan ben valorados por veciños e forasteiros”, insiste Araúxo.
“Un concello non pode desaparecer polos sumidorios da falta de capacidade de resolución, nin deixar na desinformación a aqueles cidadáns que descoñecendo a clausura deste servizo, se desprazan ata ás instalacións coa vontade dunha reciclaxe para os seus residuos”, lamenta o concelleiro de Manifesto Miñor.
Araúxo defende que o Punto Limpo de Gondomar, clausurado dende o 10 de outubro, debera estar integrado no plano municipal de recollida de residuos, planificado, xestionado e organizado como un servizo publico. “Nos contactos co Concello de Cambrils, os responsables desta área téñense ofrecido a Manifesto Miñor a asesorar a Gondomar na implantación dun servizo público, se tras das eleccións municipais existe unha vontade maioritaria na corporación de recuperar este servizo”.
Cambrils, gobernado por un tripartito no que está integrado o PSOE, é unha das experiencias que figura como referente de recuperación na península. As únicas queixas que se teñen recollido por rexistro, teñen que ver coa solicitude ou petición de novas localizacións dos puntos de recollida.
Segundo Araúxo, en Gondomar deberíase abrir, ampliar e reorganizar o Punto Limpo, de tal xeito que exista o maior número de lugares de depósito separados, de fácil acceso independentes, rápida carga nos transportes mecanizados para a maior parte destes residuos perigosos: colectores de metal contaminados de produción doméstica normal, plásticos contaminados, aceite de motor sintético ou mineral, baterías de coche, aerose, as baterías alcalinas/salinas e botóns, baterías do teléfono móbil, tubos fluorescentes e lámpadas de baixo consumo, pinturas, disolventes e envases con residuos deste residuo, cartuchos de tinta de impresora e tóner, CDs, DVDs e cintas de vídeo….
Tamén situación separada para residuos máis inertes coma vidro doméstico, papel e cartón, metais, embalaxe, madeira, aceites vexetais usados de orixe doméstica, residuos voluminosos como mobles, colchóns, resortes, cadros e portas, caixas, etc, restos de pequenos traballos domésticos, equipos eléctricos e electrónicos de residuos, lavadoras, lavavaixelas, estufas, etc., frigoríficos conxeladores e aire acondicionado, outros residuos electrónicos como pantallas, C.P.U. de ordenadores, roupa e calzado usados, restos de podas o restos vexetais, vidro plano de fiestras ou imaxes e espellos…
“Unha reorganización para un proceso de reciclaxe máis eficiente. Debemos ser responsables do futuro do noso medio natural, como fonte de equilibrio, de vida san e de recursos. Desgraciadamente, nin temos planificada a ampliación , nin sequera está aberta a precaria actual. Os que non se comprometan neste obxectivo deben estar lonxe das responsabilidades municipais. Mentres seguimos pagando regularmente o aluguer dunhas instalacións que están bloqueadas ao público”, conclúe o concelleiro de Manifesto Miñor.

