
Concello de Nigrán, equipo de atletismo Argonautas do Miñor e compañeiros da Piscina Mancomunada do Val Miñor dedicarán este domingo a carreira San Silvestre solidaria de Nigrán a Isaac Cabral Alonso, deportista falecido o día 23 facendo piragüismo fronte a costa de Baiona. Ex traballador da Piscina Mancomunada do Val Miñor, integrante do equipo de atletismo “Argonautas do Miñor” e do Club de Piragüismo “Club de Mar Ría de Aldán”, Isaac era un gran deportista e unha persoa moi querida na comarca.
Así, no inicio o domingo desta proba organizada polo Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor, ás 19:00 horas, os amigos de Isaac dirán unhas breves palabras na súa lembranza e a continuación todos os atletas participantes irán camiñando ata o Peirao de Panxón, onde lanzarán un ramo de flores ao mar no que Isaac tanto gozou e no que perdeu a súa vida. Un minuto de aplausos pechará a homenaxe e dará inicio á carreira solidaria.
“Nun primeiro instante barallouse suspender a proba, pero entre todos consideramos que a Isaac no lle gustaría que así fóra e por iso decidimos que a San Silvestre 2018 fose unha carreira na súa lembranza, queremos recordalo todos precisamente facendo deporte, a súa gran paixón”, sinala o alcalde, Juan González.
San Silvestre 2018
Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor celebran por cuarto ano consecutivo a carreira San Silvestre Solidaria o domingo 30 de decembro para despedir 2018. A proba deportiva, non competitiva, consta de 6 km, con saída ás 19:00 horas dende o Pavillón Municipal de Panxón (lugar tamén da meta) pasando polo porto, o sendeiro azul e Monte Lourido. Os interesados deben inscribirse achegando o mesmo día ao Pavillón 1 kg de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Municipal a cargo dos Servizos Sociais do Concello, que os distribúen entre as persoas máis desfavorecidas.
A proba rematará ao mesmo tempo que o torneo solidario de Nadal do Fútbol Sala Panxón-Nigrán, polo que se celebrará unha gran festa final no Pavillón ás 20:00 horas á que se sumará o Club Baloncesto Nigrán e que constará de chocolatada e do concerto de Argonat Band.
“A aposta deste goberno polo deporte é total e absoluta e cremos que a mellor maneira de despedir o ano é precisamente facendo deporte, facéndoo en comunidade e divertíndonos para que sexamos quen de incorporalo aos hábitos dos máis pequenos”, indica Juan González, alcalde de Nigrán e quen iniciou no 2015 a celebración desta proba que forma parte ineludible xa do calendario deportivo nigranés.