A Xunta abre a posibilidade de solicitar a Tarxeta Benvida xa desde o embarazo

O Consello da Xunta aprobou hoxe dar continuidade ao programa da Tarxeta Benvida coa novidade de que por primeira vez esta axuda económica para a crianza dos fillos e fillas poderá solicitarse xa desde o embarazo, polo que non será necesario esperar ao nacemento para comezar os trámites. Ademais, esta mellora supón que se reduce a un mes a espera para obter unha resolución favorable.

Desde a súa creación en 2016, máis de 40.000 nenas e nenos galegos recibiron esta prestación para a que se consigna agora unha contía superior aos 36 millóns de euros, co fin de atender as nacementos que teñan lugar durante o vindeiro ano 2019.

Durante o primeiro ano da nena ou neno a tarxeta virá cargada con 1200 euros, que se distribuirán en dous pagamentos: un en 2019 e outro en 2020. Poderán acceder a ela os pais naturais ou con menores en adopción ou garda con fins adoptivos, e tamén as familias galegas que residan no exterior e decidan volver a Galicia no 2019. Para estas últimas, o prazo de solicitude rematará dous meses despois do retorno.

Para acceder a esta axuda a renda anual familiar deberá ser inferior aos 45.000 euros ou menor de 13.500 euros per cápita. A tarxeta está destinada a atender os gastos que supón ampliar a familia, como a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene ou farmacéuticos. Neste sentido, pode empregarse en establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia, así como nas farmacias, parafarmacias, supermercados e tendas de alimentación.

A novidade acordada hoxe polo Goberno galego súmase á implantada o ano pasado cando se estendeu a Tarxeta Benvida ata o terceiro ano de vida da nena ou nena para aquelas familias cunha renda anual igual ou inferior aos 22.000 euros. Dende entón, concédense ao ano 600 para o primeiro fillo ou filla, 1200 euros para o segundo e para o terceiro e sucesivos 2400 euros.

Cómpre indicar que arredor de 8 de cada 10 familias galegas con fillos pequenos compren cos requisitos para acceder á Tarxeta Benvida. De feito, cada ano unhas 15.000 nenas e nenos se benefician desta axuda, e estímase que 9000 deles poidan recibila ata que cumpran os tres anos.

Este programa forma parte do Plan de apoio á natalidade (PAN Galicia), folla de ruta da Xunta para converter Galicia na mellor comunidade para formar unha familia mediante medidas concretas que supoñan un apoio integral ás familias. A este plan responde o aumento constante de prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos, que desde o ano 2009 ata a actualidade practicamente se duplicou, ata chegar hoxe a máis de 24.000.

Medidas innovadoras

Outras iniciativas innovadoras no ámbito da atención á primeira infancia e a conciliación que que teñen permitido situar a ratio de cobertura de escolas infantís no 42%, nove puntos por riba da óptima recomendada pola Unión Europea son: o Bono Concilia, para axudar a pagar unha praza concertada a aquelas familias que non puidesen acceder a unha pública; as Casas Niño no rural e as axudas para implantar recursos de atención á primeira infancia nas contornas laborais.

Así mesmo, o PAN Galicia inclúe outras medidas como o Bono Coidado, co que as familias poden pagar un coidador en circunstancias puntuais e que o vindeiro ano permitirá abonar servizos como ludotecas; as deducións fiscais por nacemento ou adopción; a prestación de pagamento único por fillos menores de tres anos; a exención de pago en escolas infantís para o segundo fillo que vaia ao mesmo centro nas familias con menores rendas; e a bonificación nas taxas das escolas infantís do 25% para o segundo fillo e do 50% no terceiro e sucesivos.