A Deputación achega 42.000 € a Gondomar para a recuperación da Ponte de Ánimas

FOTO: PATRIMONIOGALEGO.NET // Ponte das Ánimas.

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través dunha resolución presidencial, unha nova achega para o Concello de Gondomar. En concreto, a vila do Val Miñor recibirá 42.155,31 euros para financiar o proxecto de recuperación da Ponte de Ánimas e de mellora da súa contorna.

Ademais desta cantidade, o goberno provincial ao través do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio. En concreto, en canto á liña 1, destinadas a reformar o interior dos polideportivos de Gondomar e Donas, ao proxecto de urbanización da contorna do Peto de Ánimas de Piñeiro, ao proxecto básico e de execución para parques indoor e infantil en Avenida do Conde de Gondomar e Mañufe, reformar e pavimentar o camiño de Sequeiros dende a PO-341, reformar a Praza da Paradela e da súa contorna, para urbanizar a Rúa da Igrexa, e para a conexión coa rede de augas pluviais da primeira transversal San Bieito e Rúa Párroco Mariño.

Ademais destas achegas, o Concello de Gondomar tamén recibiu 92.360,80 euros da liña 2 e 218.552,34 da liña 3 de emprego coa que puido financiar a contratación de 20 traballadores e traballadoras.

A Deputación destina este ano a Gondomar, a través do Plan Concellos, un total de 1.667.227,04 euros, un 77,22% máis que en 2017.