Sin categoría

O goberno de Nigrán propón unha bonificación do 95% no IBI a seis entidades socio-culturais

O goberno de Nigrán proporá no vindeiro pleno ordinario do 20 de decembro considerar de interese ou utilidade municipal ás seis únicas entidades do municipio que ata 2016 pagaban o 100% do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Esta declaración, que deben solicitar anualmente as propias entidades e que debe someterse á votación do Pleno, permite grazas á modificación da ordenanza levada adiante polo goberno local hai dous anos que o imposto se lle rebaixe no vindeiro exercicio un 95% (máximo permitido por lei).

A declaración, de seren aprobada, beneficiará ao “CRC O Torreiro de Priegue”, a “Asociación Cultural As Angustias”, o “Centro Cultural y Deportivo Bolos da Carrasca”, a “A.V.A.C A Unión de San Pedro da Ramallosa”, “Asociación de Veciños A Camoesa” e «AVCD O Castro» de Chandebrito, todos eles colectivos que, doutro xeito, pagarían o 100 %.

“Supón un aforro para eles de preto de 1.300 euros ao ano, unha cantidade moi cuantiosa se temos en conta que levan adiante un traballo fundamental de promoción da cultura e das relacións veciñais”, subliña o alcalde, Juan González, quen recalca que a contribución pública destas entidades á cultura ten sempre unha inequívoca función social, «polo que é de xustiza eximilas do 95% do IBI, máximo que nos permite a lei”.

Tanto a lei de Mecenado (49/2002) coma o Texto Refundido da Lei de Facendas Locais 2/2004 catalogan como exentos de IBI a aqueles inmobles que teñen como uso principal actividades de carácter público. Por elo, o goberno de Nigrán acordou no 2016 a modificación da ordenanza “para favorecer así a todas aquelas asociacións que perseguen o ben común e que axudan a complementar e dinamizar sempre a programación cultural feita dende o consistorio”. Estas circunstancias culturais danse nestes seis colectivos porque o suxeito pasivo está inscrito no rexistro de asociacións do municipio e, ao mesmo tempo, o inmoble en cuestión é de acceso público e está a disposición do Concello e doutros colectivos culturais.