O espazo Mil Ramas (Rúa Moreira, 1, Mañufe-Gondomar) organiza do 24 de decembro ao 4 de xaneiro un Campamento de Nadal dirixido a nenos e nenas de 4 a 10 anos. Desenvolverase en horario de 9:00 a 14:00 horas (Madrugadores de 8:00 a 9:00). O prezo será de 90 euros unha semana e de 165 euros as dúas semanas. Máis información no correo espazomilramas@gmail.com ou nos teléfonos 651 76 30 14 e 660 14 51 90.
Durante as vacacións, propoñen regalarlles aos nenos e nenas tempo onde construír o seu propio mundo, dándolle significado segundo as súas necesidades con materiais da natureza e de refugallo. Materiais de segundo ou quinto uso. Os cativos precisan desenvolver o xogo con calquera cousa sinxela (cartón, paus, cordas, pedras, teas, cinta…) e para iso ofrecen un espazo coidado, ordenado e co material adecuado para que se produza a aprendizaxe.
O material non estruturado permite que eles decidan, individualmente nalgúns momentos e colectivamente noutros o seu xogo, e con quen queren compartilo; créanse vínculos, resólvense conflitos, apréndese a vivir e convivir. En Mil Ramas non se esperan resultados. Só hai propostas e presenza de persoas como Marce, con quen fabricarán instrumentos de percusión, Alba, con quen farán divertidos monicreques, e con Fernanda, que lles mergullará no marabilloso universo dos mandalas; con eles combinarán natureza e creatividade.
Teñen xardín, terra, amigos, paus, pedras, cordas, bambú, barro, inventos, risas, e unha marea de experiencias por compartir.

