O PSOE de Baiona acusa ao PP de tratar de enganar á veciñanza de Baredo

Por mor do acontecido no Pleno Municipal do pasado venres o Secretario de Organización do PSOE de Baiona acusa ao Partido Popular de tratar de enganar á veciñanza de Baredo unha vez máis.

“Ninguén na vila esquece a expropiación forzosa de terreos levada a cabo polo Goberno do ditador Francisco Franco para a construción da batería, feito pasado por alto polos gobernos populares durante os últimos anos. A adquisición por parte do Concello da batería militar de Silleiro é unha mostra máis da busca constante do Goberno Municipal na reparación e restitución dos veciños e veciñas da vila de Baiona”, asegura Fernando López Maciel.

O secretario dos socialistas baioneses engade que esta adquisición é a única solución para evitar que os terreos saian a poxa pública e poidan chegar a mans privadas, “tal e como se inclúe nas propostas do Partido Popular”. “O PSOE de Baiona atópase en contra deste modo de proceder, comprendendo que tan só a integración dos terreos de Silleiro no común de todos os veciños e veciñas poderá restituír a lacra deses nefastos anos”.

“A ninguén sorprende que unha vez máis o Partido Popular non aproveite a ocasión para condenar eses corenta anos e poñerse a carón da veciñanza, lugar no que sempre atoparase o Partido Socialista Obrero Español”, conclúe López Maciel.