O deporte de Baiona organiza unha campaña de recollida de alimentos

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Xornada Deportiva Solidaria.

As Concellerías de Deportes e de Actividades Marítimas de Baiona, xunto cos clubs locais, poñen en marcha a VI Xornada Solidaria. Esta nova iniciativa xorde desde o Pavillón Municipal, que concienciados das carencias e necesidades que moitos dos veciños están a pasar actualmente e que dalgunha maneira queren colaborar para na medida das súas posibilidades axudar a que as mesmas poidan afrontar unhas festas do Nadal en mellor situación.

O obxectivo perseguido é a achega de alimentos para as familias máis necesitadas e concienciar á poboación das necesidades que pasan outros e valorar os esforzos que se fan nas casas para ter unha vida mellor. Para este ano decidiron unificar esforzos e desenvolver conxuntamente desde os distintos clubs deportivos e das diferentes escolas deportivas unha xornada solidaria do deporte en Baiona.

A semana do 17 ao 22 de decembro establécese o Pavillón Municipal de Baiona como o lugar para a recollida de alimentos non perecedoiros para ser entregados á ONG “Ayuda al Mundo Necesitado”, acto que se realizará coa xornada de deporte solidario que se organizará o próximo 22 de decembro.

Xornada do Deporte Solidario

A Xornada do Deporte Solidario celebrarase o 22 de decembro desde as 10:30 ata as 12:30 horas no Pavillón Municipal de Baiona. Trátase dunha xornada multideportiva na que participarán os clubs locais cos seus monitores para o desenvolvemento de actividades lúdicas orientadas a todas as idades, co propósito de realizar actividades en familia, podendo participar na presente iniciativa tanto nenos como adultos. As inscricións poden realizarse no Pavillón Municipal de Baiona, teléfono 986 356 558, ou correo electrónico deportes@baiona.org.

As entidades e todos os colectivos que colaboran coa Xornada do Deporte Solidario queren aproveitar para facer un chamamento público para que todas as familias de Baiona e do Val Miñor en xeral que queiran apoiar e deixar constancia da súa preocupación con aqueles que máis o necesitan para que participen nesta iniciativa e lograr entre todos aglutinar a maior cantidade de alimentos para entre todos suavizar as dificultades diarias dos veciños máis prexudicados coa actual realidade social que vivimos.

Anuncios