Sin categoría

“O alcalde de Baiona non se decatou de que a Xunta xa vai pola segunda liña de axudas aos sectores máis afectados polo Covid”

Desde o PP de Baiona non dan crédito coas incongruencias do actual Alcalde, pide un plan de axudas económicas para os sectores máis desfavorecidos pola crise da pandemia do Covid-19, na mesma semana en que a Xunta gobernada polo PP xa anunciara este segundo plan, “só se pode explicar esta actitude dunha persoa pouco informada e que non le a prensa ou dunha acción malintencionada encamiñada a confundir á poboación”. E concretan os populares, os establecementos da localidade recibiron nestes días 130.300 euros en 62 axudas dentro do primeiro Plan de Rescate autonómico dirixido a autónomos, microempresas e hostalería. Pero non só iso, insisten, actualmente a Xunta xa está inmersa nun segundo Plan para o que se reservaron outros 75 millóns de euros máis que, dunha forma áxil como ocorreu na anterior ocasión, chegarán novamente a estes sectores máis afectados.

En canto á colaboración do resto de institucións, o PP baionés lembra ao Alcalde que nin a Deputación de Pontevedra nin o Concello de Baiona “puxeron nin un só euro a día de hoxe para a reactivación económica” e iso, mesmo despois de que o PP de Baiona presentase ata en tres ocasiones plans de reactivación económica municipais. O último paquete de medidas rexistrado en forma de emendas aos orzamentos municipais do 2021 aprobados inicialmente en novembro pero, lamentablemente, todas elas foron rexeitadas por parte do tripartito sen ofrecer alternativa algunha.

Doutra banda, o PSdeG de Baiona que encabeza Carlos Gómez foi o único grupo político de toda a corporación municipal que votou en contra dunha moción presentada polo grupo municipal popular de Baiona na que “pediamos ao Estado que devolvese os 372 millóns de euros que nos debía aos galegos polo IVE de 2017 e polo cumprimento das Regras Fiscais 2017-2018 co último obxectivo de devolverlle aos baioneses o diñeiro que xa pagaran e do que o goberno de Sánchez apropiouse”. “É o colmo do despropósito, vindo da persoa que máis debería defender os intereses dos baioneses”, critican.

“Ademais, fai cinco meses o propio PSdeG de Baiona puxo ao dispor do Goberno central todo o remanente de tesourería ou, o que é o mesmo, o aforro dos baioneses ao longo destes últimos anos, uns 3,5 millóns de euros”, lembran e explican que “por suposto, tiveron o noso voto en contra”. De feito, “déusenos a razón porque esa petición foi tombada despois no Congreso”. “Agora anuncian que van crear un plan de reactivación económica usando os remanentes que só hai uns meses queríanlles entregar ao Goberno de Pedro Sánchez”, reprochan.

Máis diálogo e dea exemplo

É por todo isto, apreman, que lle piden ao Alcalde que “teña á hora de defender os intereses dos nosos veciños o mesmo criterio cara a todas as institucións, sexa cal for a súa cor política, e que sexa congruente co que di e fai porque este virus non entende nin de siglas nin de grupos políticos”. “Este virus esnaquiza vidas, familias, asfixia e pecha negocios, así que deixe de botar a culpa aos demais e traballe polo seu pobo, dialogue máis cos seus socios de goberno e empresarios e, moi importante, comece por devolverlle o diñeiro da taxa das terrazas aos que xa a pagaron no ano pasado”, replican desde o PP baionés.

E as súas reclamacións non quedan aquí, instan o tripartito ao devolver a parte proporcional do recibo do lixo de 2020 a todos os comercios e empresas que estiveron pechadas e ás que, dunha forma incoherente, pasóuselles a cobranza íntegra este decembro pasado sen realizarse o servizo. “E, sobre todo, predique co exemplo porque non é xusto pedir aos demais o que uno mesmo non está disposto a facer”, aconsellan.