A oficina de turismo de Baiona intégrase na rede “Info Rías Baixas” impulsada pola Deputación

A presidenta da Deputación de Pontevedra deu a coñecer os pasos que se están a dar para o impulso da rede de oficinas “Info Rías Baixas” creada a través dunha ordenanza reguladora aprobada no pleno da corporación provincial de febreiro deste ano. Máis polo miúdo, neste intre xa son 20 as oficinas adheridas á rede e están en trámite de adhesión outras dúas que converterán este novo modelo de oficinas no alicerce básico para a prestación dun servizo de calidade e homoxéneo do destino.

A creación da rede “Info Rías Baixas” resposta ao Plan Estratéxico de Turismo e ten por obxectivos traballar de xeito coordinado e operativo atendendo a unha estratexia de destino provincial máis que como punto de información local. Deste xeito, tal e como informou a presidenta, “a nova rede vai apostar polo concepto de Pontevedra provincia, tal e como levan anos pedindo os concellos e o sector, o que nos permitirá diferenciar unha marca consolidada como é Rías Baixas dun concepto de xestión e estratexia turística como é Pontevedra provincia”.

Silva subliñou que a nova rede de oficinas “vai fortalecer o turismo como sector estratéxico no ámbito local, apostar pola desestacionalización xerando oferta e produtos de interese adaptados a cada territorio e impulsar a calidade. Neste último aspecto, a presidenta provincial informou que estase a traballar xa para que dúas oficinas adheridas á rede se sumen ás tres de Turismo Rías Baixasa que teñen a Q de calidade na actualidade. “Desde o servizo de Turismo fixéronse xa as análises e estamos a realizar asesoramentos para que ao menos a oficina da Casa da Bola de Cangas e a de Caldas de Reis poidan acadar a Q de calidade”, explicou Carmela Silva.

Xunto á calidade, tamén se está a crear unha imaxe homoxénea para as oficinas e para o persoal que as atende, conseguindo, así, transmitir unha imaxe única e facilmente identificable por entre as e os visitantes. En concreto, a presidenta asegurou que todas as oficinas adheridas á rede terán no exterior a mesma placa identificativa cos horarios de apertura e unha placa de situación. Amais, no seu interior todas terán un fondo idéntico que cubrirá a totalidade da parede principal, así como mostradores rotulados con nome da rede e os mesmos expositores de folletos e carteis.

En canto ao persoal, todas as persoas que atendan algunha das oficinas adheridas á rede contarán co mesmo uniforme: camiseta gris coa marcaxe “Info Rías Baixas”. Amais, todas e todos levarán o seu nome acreditado nunha placa que incluirá tamén os idiomas de atención). Amais, no que respecta ao persoal, Carmela Silva detallou que sairán unhas novas liñas de subvención para a dotación de persoal ás oficinas adheridas á rede “Info Rías Baixas”, por importe de 200.000 euros, que poderán formalizarse a partir da segunda quincena de xaneiro. “Falo dunhas bases que darán máis autonomía aos concellos, xa que poderán contratar directamente ao persoal ou elaborar as súas propias bolsas, e tamén máis recursos xa que, a partir de agora, cubriremos ata o 75% da anualidade do persoal de atención das oficinas mentres que antes soamente a temporada de verán”, destacou a presidenta.

A través destas actuacións, Carmela Silva enxalzou que “Info Rías Baixas” pretende proxectar “unha imaxe moderna e innovadora onde as persoas turistas se sintan recibidas fronte a sentirse atendidas e onde as TIC estarán á súa disposición xunto a un equipo de persoal estable e formado que atenderá as súas demandas e intereses”. Deste xeito, con esta nova imaxe, coa modernización e coa capacitación profesional estable, “estamos a priorizar o apoio aos concellos que xestionan o turismo como sector estratéxico fronte a accións puntuais ou estacionais como se facía no pasado” manifestou a presidenta.

En total, ata o momento forman parte da rede “Info Rías Baixas” as oficinas de turismo da Guarda, A Estrada, Ponte Caldelas, Sanxenxo –porto deportivo-, O Grove, Caldas, Cangas –Casa da bola-, Cangas –O Peirao-, Moaña, Marín, Oia, As Neves, Cambados, A Illa de Arousa, Pazo de Lis, Dena, Bueu, Ribadumia, Catoira e Baiona e, proximamente, tamén o farán as oficinas do Mosteiro de Carboeiro de Silleda e o punto de información de Marín.

Anuncios