Gondomar achega 1.600 € a Avelaíña para axudar aos seus usuarios a través do deporte

Avelaíña vén de recibir unha axuda do Concello de Gondomar para mellorar a vida das persoas con enfermidade mental a través do deporte. Trátase dunha subvención para o desenvolvemento do proxecto “Fisicamente activo, mentalmente saudable no Val Miñor”, xa que as persoas con enfermidade mental teñen un risco maior de obesidade, os hábitos sedentarios e os efectos secundarios da medicación, polo que se fai necesario o desenvolvemento de programas de vida saudable.

Neste programa inclúense contidos especializados sobre o estilo de vida saudable, unha alimentación sa, así como diferentes tipos de adestramento como a piscina, o ximnasio, rutas en bicicleta e andainas, entre outros. A contía concedida é de 1.600 €, que axudarán a persoas con enfermidade mental do Val Miñor a entender o exercicio como parte dun estilo de vida saudable, valorando e gozando do deporte e da actividade física.