Prado Surf Escola proclámase por duodécima vez consecutiva campión galego

FOTO: PRADO SURF // Prado Surf con Pedro Aceval en Caión.

O pasado domingo 1 de setembro Prado Surf Escola proclamábase por duodécima vez consecutiva campión galego por equipos no Campionato Galego de Surf que se disputou na praia de Caión (A Coruña).

Durante a pasada fin de semana case 200 riders déronse cita na praia coruñesa de Caión para competir no Campionato Galego individual e por equipos organizado pola Federación Galega de Surf e Bodyboard. Unha proba que conta co apoio da Xunta de Galicia e Abanca, e é ademais clasificatoria para o circuíto nacional. Os integrantes do Prado Surf Club, desde as categorías sub 12 ata Open e Master competiron e fixéronse ata con 14 postos gañadores.

Entre as vitorias máis relevantes cabe destacar o primeiro posto de Erika Lago en Sub 16 feminino, Manuel Fernández en Sub 16 masculino e Derick Rey que conseguiu o primeiro posto na categoría Master.

Ademais, Prado Surf Escola volveuse proclamar campión galego por equipos por duodécima vez consecutiva, unha vitoria que recompensa todo o traballo realizado polo equipo detrás da escola e especialmente dos adestradores Derick Rey, Pablo Occy, Pedro Aceval, Pablo Romero e Pedro Manso, José Domínguez e Antón San Ildefonso.

Hai anos xa que a escola aposta por manter a un equipo forte e sólido para competir tanto nos circuítos galegos como nacionais, ademais dos adestramentos semanais en varias praias das costas galega e portuguesa, Prado Surf Club organiza viaxes de perfeccionamento todo o ano ás mellores praias de Francia ou Maldivas.