Residuos, eficiencia e xestión pública. A experiencia de Xosé Antón Araúxo en Cambrils

Tras a súa viaxe a Cambrils, Xosé Antón Araúxo, concelleiro de Manifesto Miñor, asegura que entrar nas instalacións de Secomsa “ten o efecto máxico de transportarnos nun só segundo do mundo das ideas, ao mundo tanxible do concreto”. Un segundo necesario para reafirmarse na necesidade de dotarse dun modelo de tratamento de residuos sólidos que sexa global e ao tempo diversificado, que sexa eficiente é viable, un proceso no que exista: recollida separada, planta de compostaxe, limpeza de rúas, reciclaxe de restos de podas, tecnoloxías actualizadas, tratamento dos rexeites, xeración de valor colateral coa venda de compost, enerxía e vapor xerados nos procesos de tratamento dos residuos. “Mergullarse nun servizo altamente profesionalizado, a través dunha empresa pública, como Secomsa, é proba irrefutable da viabilidade e da eficiencia”.

O concelleiro responsable deste Área en Cambrils, comentaba algunhas das grandes vantaxes do modelo.

1.- Non hai incremento de custes, cada vez que acontece un imprevisto, ou se precisa unha actuación que non está incluída no prego da licitación. Na xestión privada a empresa pasa factura por cada novo servizo. Na pública nos reorganizamos cos nosos recursos persoais e materiais, sen ter que pagar por novos servizos.

2.- Na concepción global todo está pensado para mellorar o servizo á cidadanía. Na xestión privada o seu lícito obxectivo e aforrar custes para incrementar os beneficios.

3.- Na xestión pública, podemos prestar servizos de colaboración e solidariedade con poboacións que non poden cargar en solitario, con este servizo. Púñannos o exemplo de Prades, un pobo da montaña do Montsant ao que periodicamente lle prestan servizos que serían inviables nunha xestión privada.

4.- Para aforrar custes de mantemento, trátase de ser polivalente e depender de custosos servizos externos o menos posible. A maioría das avarías mecánicas da maquinaria resólvense internamente.

5.- Todo está pensado para completar todas as fases ata pechar o ciclo. O Punto Limpo, é unha importante peza da engranaxe do tratamento de residuos. Os restos de podas, que adoitan ser un crebadeiro de cabeza en moitos concellos, aquí recóllense con contedores exclusivos, xa que son materia prima valiosa para xerar compost de maior calidade. Tritúranse, mesturase cos restos orgánicos do lixo, interactúan durante varios meses e finalmente están listos para venderse para a agricultura, pera axardinamentos ou para ser empregados polo propio concello.

6.- Do lixo, hai partes do proceso que xerar recursos adicionais. Aqueles rexeites que non acabaron no vidro, no cartón, no compost, nas latas, nos plásticos… son queimados nunha planta que xera electricidade e vapor. Ambos produtos son vendidos e producen recursos económicos.

7.- Todos os procesos de tratamento dos residuos sólidos urbanos, requiren de man de obra e por tanto, son unha fonte de creación de emprego. Cando máis aproveitamos o lixo, máis persoal precisamos.

8.- Todos os lucros sobrantes logo de contabilizar os ingresos por taxas e os custes de servizos, deben ser obrigatoriamente empregados na modernización ou melloras dos propios servizos, ou noutros servizos públicos municipais.

“Queremos agradecer a cálida acollida, a xenerosidade no tempo que nos dedicaron, as pormenorizadas visitas a todas as plantas de tratamento e a entrevista de traballo que tivemos un sábado pola tarde. Moi agradecidos especialmente aos técnicos de Secomsa Cambrils, e ao responsable político deste área, Antonio Laguna”, destaca Araúxo.

“Sorprendeunos a vehemencia coa que as diversas persoas coas que nos entrevistamos renegaban dos contedores subterráneos clásicos, pola súa complexidade técnica, pola frecuencia das avarías mecánicas, polos significativos incrementos de custes, pola insalubridade dos lixiviados que acumulan e pola lentitude durante o proceso da recollida. Son unha opción para lugares moi concretos e coa modernización e simplificación dos procedementos de recollida”, conclúe o concelleiro de Manifesto Miñor.

Anuncios