O Xulgado admite a demanda da Fiscalía contra Audasa polo cobro abusivo de Peaxes

FOTO: MINISTERIO DE FOMENTO // Ponte de Rande.

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra admitiu a trámite a demanda de xuízo ordinario presentada pola Fiscalía contra a concesionaria da AP-9, Audasa, en exercicio da acción colectiva de cesación en defensa dos consumidores e usuarios polo que considera prácticas «abusivas» da empresa. O Ministerio fiscal sinala que cobrou as peaxes íntegras durante «polo menos os tres anos, entre febreiro de 2015 e xuño de 2018” que duraron as obras de ampliación da autoestrada na contorna da ponte de Rande.

O Xulgado do Mercantil tamén acorda no auto realizar un chamamento a persoarse no proceso a quen teña a condición de prexudicado por ser usuario do servizo que deu orixe a demanda co obxectivo de que fagan valer o seu dereito ou interese individual. Así, decreta a publicación da admisión da demanda en dous diarios. O chamamento suspenderá o curso do proceso por un prazo de dous meses. O inicio do cómputo deste prazo comezará a contar ao día seguinte á publicación do chamamento nos diarios.