Gondomar organiza un encontro con empresas para axudar na procura de emprego

A Concellería de Emprego do Concello de Gondomar organiza un encontro con empresas que pretende achegar aos participantes a realidade do mercado laboral mediante o contacto directo entre empresas da zona para obter información sobre que buscan as empresas nos seus potenciais traballadores, que perfís profesionais adoitan requirir, tendo ademais unha oportunidade de presentarse de maneira individual e acceder a unha entrevista exprés con cada unha delas.

O 17 de decembro os participantes poderán preparar cunha experta en selección de persoal as entrevistas exprés. As persoas que queiran acudir a unha sesión de preparación de entrevistas de traballo, previa inscrición, deberán achegarse este día de 9:30 a 13:30 horas ao Centro Neural (Policía Local) cunhas copias do seu currículo e serán asesoradas pola preparadora para as entrevistas do día 18.

A xornada do 18 de decembro arrancará ás 8:45 coa recepción dos asistentes, para a continuación asistir a unha presentación e mesa redonda dos empresarios. Tras unha rolda de preguntas e unha pausa para tomar un café, ás 12:00 do mediodía comezarán as entrevistas exprés. As persoas que queiran inscribirse terán que descargar, completar e remitir o formulario dispoñible na web do Concello por email a emprego@concellodegondomar.gal.