Galicia en Danza reparte desde hoxe as invitacións para asistir á Gala de Nadal

A escola de baile Galicia en Danza celebra o vindeiro sábado día 15 de decembro a súa tradicional Gala de Nadal no Auditorio V Centenario de Baiona, incluída na programación cultural e de lecer Bai Nadal 2018.

Debido á gran cantidade de público que concorría en anos anteriores, desde hai uns anos veñen realizando dúas funcións practicamente idénticas para poder cumprir co aforamento do recinto e poder ofrecer o espectáculo en condicións de seguridade.

Nesta ocasión a primeira función da Gala comezará ás 17:00 horas e a segunda ás 19:30 horas.

Como nas ocasións anteriores, á vista dos bos resultados obtidos con este medio para distribuír dunha forma lóxica a asistencia, a entrada a ambas as dúas funcións continuará sendo unicamente con invitación.

As invitacións están abertas ao público en xeral, son gratuítas e calquera persoa interesada en asistir pode solicitalas, forme parte da escola ou non. Poderanse recoller na Secretaría de Galicia en Danza desde este luns, día 10 de decembro, ás 17:00 horas.

Anuncios