Anuncios
Ticker de novas

Nigrán reforza o programa para persoas con Alzhéimer con terapias con ordenadores e unha sala de estimulación

O Concello de Nigrán vén de reforzar a calidade do programa municipal de atención a persoas con Alzhéimer iniciado no 2016 dotándoo de novos equipamentos tecnolóxicos para o seu uso terapéutico. Así, os seus usuarios xa se poden beneficiar dunha sala snoezelen ou sala de estimulación e do software Gradior de rehabilitación neuropsicolóxica. En total, ambos supuxeron 17.155 € de investimento subvencionado nun 12% polo propio Concello de Nigrán e o 88% ao abeiro da Medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR) convocatoria 2018-2019.

“Vista a boa acollida entre a veciñanza, convencidos dos efectos positivos que este programa exerce sobre as persoas que participan nel e, sempre buscando incrementar a oferta de servizos xa existentes, agora se dota a este programa pioneiro de novos equipamentos terapéuticos”, sinala o alcalde, Juan González. Deste xeito, o Concello complementa e amplía o rango de atención que xa se viña prestando a través das novas tecnoloxías e de terapias vangardistas que inicialmente se tiñan aplicado en discapacidade e que nos últimos anos se estenderon ao Alzhéimer.

Sala Snoezelen

A sala consta de asento, tubo de burbullas, espellos, un mazo de 100 fibras ópticas de 2 metros con fonte de luz, botoeira de control, pack Multisensorial, caixa de 12 esencias de aromas en po, serpe vibrante, lanterna de luz UV con luvas fosforescentes, proxector Aura con disco de efectos gráficos, caixa de tacto e miniespellos foam.

En xeriatría, a Sala Snoezelen ou sala de estimulación adquire un papel protagonista como terapia en casos de alzhéimer ou demencia neurodexenerativa, porque en todos eles existe unha dificultade por parte da persoa para percibir, comprender ou controlar as habilidades psicomotrices, aspectos que pode mellorar a estimulación sensorial, xa que está estreitamente relacionada co desenvolvemento da actividade cerebral e dos procesos cognitivos.

A demencia, en todas as súas variantes, provoca a alteración das capacidades cognitivas, conductuais e emocionais e a estimulación sensorial permite abordar estes tres aspectos. Se debe ter en conta que cando a demencia ou o Alzhéimer alcanzaron un certo nivel é moi difícil para o paciente comprender a súa contorna e comunicarse. Por iso, estímulos tan básicos como un cambio de cor, unha imaxe ou unha luz en movemento poden axudar a que esta persoa decida que é o que prefire desta contorna. Esta posibilidade de elección mellora a súa confianza, o autocontrol, a concentración e establece un punto de comunicación.

Dependendo da fase da enfermidade na que se atopen, os obxectivos concretos e as formas de traballo pertinentes da sala snoezelen varían:
• Na fase inicial (de diagnóstico), preténdese reducir a tensión e mellorar a autoestima e o estado de ánimo mediante estímulos sensoriais. Cobra especial importancia aquí a musicoterapia para evocar recordos e experiencias propias do paciente.
• Na fase intermedia, téntanse reducir os comportamentos inadecuados e aumentar a concentración. Estimúlanse os sentidos con luces, sons e sabores, sen esquecer as preferencias de cada usuario.
• Na fase severa, poténciase a estimulación para mellorar a calidade de vida, reducir a dor e inducir á relaxación para evitar a tensión, sen deixar de levar a cabo o anteriormente descrito.

Software Gradior

Equipamento informático: 6 pcs, 6 pantallas táctiles, 1 pizarra dixital sobre rodas con proxector integrado e elevación automática, 1 wii

En canto ao sotfware Gradior, é un sistema de rehabilitación neuropsicolóxica a través de ordenador que permite realizar programas de adestramento e recuperación de funcións cognitivas superiores (atención, memoria, orientación…) en persoas que presentan déficits ou deterioración cognitivas. Unha pantalla táctil permite a interacción directa do usuario co computador, evitando así o rexeitamento da poboación maior ao facer o sistema máis intuitivo e accesible.

Este programa, que precisa para a súa utilización de varias pantallas táctiles, permite deseñar un adestramento para cada usuario tendo en conta os seus déficits e as súas capacidades conservadas. Para iso, os terapeutas ao cargo deste programa realizan sempre unha valoración previa de cada paciente. O software realiza unha recollida continua de datos que se revisan periodicamente e que permiten coñecer a progresión de cada usuario, toda esta información é recompilada e analizada, permitindo non só coñecer polo miúdo o rendemento de cada un e xerar informes, se non manter as tarefas sempre no nivel axeitado para que o desempeño sexa óptimo.

Os pacientes fan operacións en todas as áreas: cálculo, problemas aritméticos, discriminación visual, atención selectiva, atención sostida, percepción visual gráfica, por cores e tamaños, memoria verbal, memoria gráfica, entre outros. Todas as actividades contan con varios niveis e o sistema recoñece os acertos e erros, polo que segundo avanza o paciente a dificultade aumenta.

Anuncios