Anuncios
Ticker de novas

Baiona dá a benvida de forma oficial ao Nadal

A Alameda da Rúa Carabela Pinta acolleu este mércores o acto de inauguración do alumeado de Nadal, no que participou o alcalde, Ángel Rodal, o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, Marcos Comesaña, e membros do goberno municipal. Antes do aceso oficial, os asistentes puideron gozar dun concerto de “La Patrulla” e dunha tirada de fogos de lucería. Ademais, para os máis pequenos houbo animación e obradoiros infantís durante toda a tarde.

O presidente de ACEBA agradeceu especialmente este ano outras iniciativas impulsadas por socios e non socios que complementan rúas e escaparates, animando a todos os que non o son a unirse á Asociación de Comerciantes, “para xuntos ser máis fortes”. Tamén destacou o traballo de Xosé Enrique, que elaborou uns cervos que decoran tendas e comercios, “que ademais de ter un excelente deseño son pura artesanía”.

Pola súa banda, o alcalde, Ángel Rodal, sinalou que “esta iluminación do Nadal non se poderá ver desde o universo, desde os satélites, pero estou seguro que si se poderá ver desde Panxón. Somos moito máis humildes, pero con iso non digamos que temos menores iniciativas. Agradecer a todo o comercio por engalanar as fachadas dos seus negocios, e moi especialmente á Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, porque levan 23 anos traballando para que realmente o noso comercio vaia adiante e para que esta iniciativa da iluminación do Nadal teñámola en Baiona”.

A iluminación

Estes días estívose traballando na decoración das distintas rotondas do municipio. Todas as glorietas de Baiona sitúanse en puntos estratéxicos de entrada á localidade polo que tanto baioneses como visitantes serán recibidos nestas singulares datas con luz e cor. O tendido do Nadal xa loce tamén en todas as parroquias da localidade, poñendo cor a Baíña, Baredo, Belesar e Santa Cristina da Ramallosa.

Ademais das tradicionais luces e cadenetas que iluminarán farois, rúas e prazas, este ano instaláronse máis dunha trintena de árbores de Nadal repartidos pola Vila. O máis alto, de 12 metros, é o eixo central da ornamentación na Alameda da Rúa Carabela Pinta, xunto cun soldadiño de case 10 metros e unha caixa de correo. Outros dous, de 6 metros cada un, instaláronse nas prazas de Santa Liberata e Victoria Cadaval en Sabarís. E outros 34 pequenos abetos repártense polas rúas Elduayen e Alférez Barreiro (14), Cidade de Vigo, Marqués de Quintanar e Laureano Salgado (10) e Sabarís (10). Ademais, por primeira vez, ilumináronse os troncos de 19 árbores da rúa Carabela Pinta.

Os encargados de colocar a iluminación nas zonas comerciais, das que se encargan de forma conxunta o Concello e ACEBA, e das rotondas, a cargo do Concello, foron os operarios da empresa LS Iluminación de Gondomar, mentres que as luces situadas nas parroquias e zonas non comerciais foron instaladas por operarios municipais, a cargo tamén do Concello.

ACEBA, 23 anos poñendo a iluminación de Nadal

A Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona (ACEBA) leva 23 anos poñendo a iluminación de Nadal. A Asociación de Empresarios de Baiona ten a súa orixe no ano 1995, debido a que nesa época, a Real Vila non tiña iluminación de Nadal e un grupo de empresarios e comerciantes reuníronse e decidiron saír á rúa para pedir ao resto de negocios unha achega económica voluntaria para que tivese por primeira vez o seu alumeado.

Foi a partir dese momento cando estes empresarios (Teresa Tornero, Carlos Rodríguez, Carlos Fernández, Isabel Alborés, Álvaro Álvarez, Mariano Álvarez, Agapito Sánchez e Pili Varela) decidiron crear a Asociación de Empresarios de Baiona (ACEBA).

O Bai Nadal

Baiona ofrecerá durante a época do Nadal unha programación completa e variada cunha infinidade de actuacións en artes escénicas e musicais para todos os públicos, que se repartirán entre o singular palco instalado na Alameda Carabela Pinta, o Auditorio V Centenario, a Igrexa de Santa María e a Praza Victoria Cadaval de Sabarís. Destacan os espectáculos “Apagón de Nadal-Minions” ou “A maxia de Xabi”, a proxección das películas “Se armó el Belén” e “Nico, el reno que quería volar” e os shows infantís “A bailar no Nadal e “Lío élfico en Baiona”, que amenizarán os días previos a Noiteboa e que contarán cunha visita moi especial, a de Papá Noel.

Entretemento para toda a familia con inchables e obradoiros, a visita de Papá Noel, o Apalpador e o Carteiro Real, corais e grupos culturais de Baiona que veñen achegar o seu gran de area e a constatar o movemento cultural que se desenvolve ao longo de todo o ano no municipio. A III Gala Solidaria Giro’s Camiña con Uxía e a Neurofibromatose, os concertos de Panxoliñas da Coral Polifónica de Baredo, do Coro Xuvenil do CPI Cova Terreña, da Coral Polifónica Baiona A Real e da Coral Polifónica San Lorenzo de Belesar, os festivais de Nadal das escolas de baile “Galicia en Danza”, “Marcando Pasos” e “Dando la Nota”, os concertos de Nadal do Coro de Homes “Voces Baionesas” e do Grupo de Corda e Voces “Baiona Bay”, o concerto de fin de ano da Banda de Música de Baiona ou a tradicional ruta moteira de Papa Noeles a cargo da Peña Moteira “Os Rillasepas”, que percorrerá as rúas principais de Baiona… son moitos dos espectáculos que poderán gozar veciños e visitantes durante estas datas tan especiais.

Tamén haberá contacontos e obradoiros na Biblioteca e pasarrúas polo casco antigo a cargo de Troula, con zancudos e percusión, e de Pablo Méndez Performance, en Noiteboa e Fin de Ano respectivamente. O sábado 5 xaneiro, a Gran Cabalgata de Reis 2019 poñerá o broche de ouro ao Bai Nadal, saíndo ás 17:00 horas desde A Ramallosa e ás 18:00 horas desde Santa Marta.

PROGRAMACIÓN BAI NADAL 2018

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios