A Deputación impulsa o xoguete igualitario neste Nadal coa campaña “Xogar sen fendas”

Por cuarto ano consecutivo a Deputación de Pontevedra vai impulsar desde esta ponte de decembro e ata o Nadal a campaña para a promoción da adquisición e uso de xogos e xoguetes igualitarios. Co nome de “Xogar sen fendas”, este ano a campaña pretende rachar cos estereotipos vixentes no eido das ciencias, centrando a súa imaxe en nenas que xogan con foguetes, con coches e robots, que mesmo tocan a lúa e traballan con átomos e fórmulas matemáticas.

“Queremos eliminar a fenda que existe na nosa sociedade, queremos que as nenas que sacan excelentes notas en matemáticas poidan escoller desenvolver a súa actividade profesional no campo das STEM, xa que o futuro vai estar ligado estreitamente a estas carreiras e non queremos que queden alleas a elas”, asegurou Carmela Silva. Segundo explicou a presidenta provincial “a porcentaxe de matrícula de mulleres en carreiras científicas e tecnolóxicas redúcese cada ano e se as mulleres quedan fora deste ámbito estarano tamén do futuro”.

“Xogar sen fendas” presenta unha ilustración elaborada por Luz Beloso acompañada de textos de Isabel Blanco. A imaxe recrea o mundo infantil a través de tons cálidos, clásica na forma pero cunha mensaxe innovadora: diferentes nenas xogas e soñan cun futuro mellor, algunha toca a lúa a través da xanela, outras xogan con foguetes e robots, outras con fórmulas matemáticas e debuxan átomos.

A campaña está asentada, deste xeito, en rachar coa fenda existente na ciencia entre mulleres e homes que empeza cos primeiros xogos e continúa a través da influencia da reprodución de roles e estereotipos de xénero. Así, segundo os estudos, a partir dos seis anos os estereotipos xa teñen marcado que as nenas deixen de considerar encamiñar o seu futuro a aspectos relacionados co ámbito científico. Neste aspecto, a presidenta provincial remarcou a importancia dos xoguetes: “Nós apostamos por unha vida en igualdade, para que as nenas e os nenos poidan decidir en liberdade. A través dos xoguetes estamos marcando se poden ser libres ou se os estamos dirixindo e, neste eido, temos unha enorme responsabilidade. Non hai xoguetes para nenas e para nenos, hai xoguetes para educar, para aprender, para medrar e para divertirse”, asegurou Carmela Silva.

Deste xeito, para a presidenta da Deputación a campaña permite “visibilizar que as nenas tamén poden ser científicas, astronautas, técnicas especializadas en robótica, en aeronáutica. Estamos a rachar coas fendas e estereotipos que existen na actualidade, a concienciar ás familias e á sociedade de que as nenas poden ser o que queiran ser e que se as afastamos do ámbito STEM, un sector que terá no futuro un enorme poder, estaremos conseguindo que as mulleres non estean representadas e non participen nos procesos de toma de decisión”, manifestou a presidenta provincial.

A campaña “Xogar sen fendas” amais de creatividades gráficas en medios impresos tamén irá acompañada de cuñas e dun vídeo con música de Reveriano Soutullo, incluída no disco “Evocación” co título “Las delicias de Manón, Polka” interpretado por Alejo Amoedo. Xunto á gráfica e vídeo, “Xogar sen fendas” continuará ao longo do ano coa publicación dunha colección de libros de contos protagonizados polas nenas que aparecen na imaxe da campaña.