Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas gáñase a súa praza de equipo oficial para a Copa de España 2019

Noveno clasificado na xeral final do 2018, o Club Ciclista Rías Baixas repetirá por cuarto ano consecutivo como equipo oficial da Copa de España en 2019. A entidade impulsada por José Luis Chamorro asinou esta tempada a súa mellor actuación histórica no certame máis prestixioso do pelotón amateur estatal. Seguir elevando o seu listón nesta competición será o primeiro reto do novo proxecto do conxunto con sede en Vigo.

A Asociación Española de Organizadores de Probas Ciclistas Elite e Sub 23 (AEOPCES) deu a coñecer a lista de 20 estruturas que disputarán as oito carreiras das que constará a Copa de España en 2019. Polo seu rendemento sobre o asfalto, o Club Ciclista Rías Baixas consolidouse entre a flor e nata da categoría que supón a antesala do profesionalismo.

Ata este ano a Copa de España supoñía a materia pendente do equipo. O seu rendemento neste certame non estaba acorde cos resultados asinados durante o resto do curso. Liderada por David Galarreta, a quen a súa actuación valeulle o salto ao pelotón profesional, a formación flúor por fin foi protagonista desta competición e por primeira vez terminou dentro do Top-10.

Cunha carreira menos que en 2018, ao caerse do calendario a Clásica Xavi Tondo, o certame coordinado pola AEOPCES que preside Manuel Moreno, arrancará o 24 de febreiro coa disputa do Circuíto Guadiana en Estremadura. Durante o mes de marzo celebraranse o Trofeo Guerrita en Murcia, a Aiztondo Klasika no País Vasco, o Memorial Momparler en Valencia e a Clásica Cidade de Torredonjimeno en Andalucía. O Memorial Valenciaga en terras vascas será a única cita en abril e a Copa resolverase en maio coa Clásica Santikutz, de novo en Euskadi, e o Gran Premio Macario en Madrid. Unha vez máis non haberá ningunha proba en Galicia.

Anuncios