O Nadal en Gondomar comeza o xoves coa inauguración do alumeado

O Nadal comeza en Gondomar este xoves día 6 de decembro coa inauguración do alumeado. Será na Praza do Concello a partires das 19:30 horas coas actuacións da Orquestra e Coro do Conservatorio Elemental de Música, a Asociación de Danza Paradela, a Asociación de Danza Gondomar, a Asociación de Danza Ldanzia e animación de rúa.

O venres 7, sábado 8 e domingo 9, o Auditorio Lois Tobío acollerá os Obradoiros Científicos, e o sábado 8 na Praza de Abastos de Gondomar terá lugar a primeira quedada de coches deportivos e súper deportivos, desde as 14:00 ata as 21:00 horas.

O luns 10 ás 20:30 horas inaugurarase o Belén artesanal en movemento, que por terceiro ano consecutivo ocupará o vestíbulo do Auditorio Lois Tobío, e que poderá visitarse ata o 6 de xaneiro en horario de 11:00 a 13:45 e de 17:00 a 21:45 horas. O encargado da súa montaxe, Fernando Fernández Penedo, veciño de Borreiros.

O público infantil poderá gozar no Auditorio Lois Tobío do espectáculo “O mundo máxico de Pinocho”, o sábado 15 en súas sesións, ás 17:00 e ás 19:30 horas e da obra de teatro “O conto da Azuzaina”, o sábado 22 ás 19:00 horas. Tamén se proxectarán tres películas de Nadal, “Arthur Christmas”, “El Grinch” e “Feliz Madagascar”, o venres 21, mércores 26 e sábado 29, tamén a partir das 19:00 horas. Para o público adulto representarase a obra “Chévere Eroski Paraíso”, o venres 28 ás 20:00 horas.

Tampouco faltará a música, tamén no Auditorio Lois Tobío ás 19:00 horas, co Concerto de Corais, coa Coral Polifónica “A Merced” de Chaín, o Coro San Vicente de Mañufe, a Coral Polifónica Agrupación Musical de Vincios e a Coral Polifónica Santa Eulalia de Donas, o domingo 16, e o Concerto de Nadal do Conservatorio Elemental de Gondomar, o mércores 19.

As Rondallas son tamén protagonistas na programación do Nadal de Gondomar. O sábado 22 as Rondallas da Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios e do Centro Cultural “A Merced” de Chaín ofrecerán senllos pasarrúas polo casco urbano, ás 11:00 e ás 19:00 horas respectivamente.

O domingo 23 celebrarase a XI Ruta Motera de Papanoeles, organizada pola Peña Motera Os Rillasepas, con saída ás 16:00 horas desde a Praza da Alameda, para percorrer a continuación toda a comarca repartindo caramelos.

O luns 24 Papa Noel escoitará a todos os nenos e nenas que queiran achegarlle as súas peticións, desde as 16:30 ata as 19:30 horas na Praza da Alameda, onde tamén haberá obradoiros de Nadal.

O mércores 26, xoves 27 e venres 28, terán lugar as VI Xornadas Deportivas e Solidarias de Nadal, dirixidas a nenos e nenas de 6 a 12 anos. As inscricións poden realizarse ata o 21 de decembro no Pavillón de Deportes ou no teléfono 608 748 393. Os participantes achegarán dous quilos de alimentos non perecedoiros.

O domingo 30, na Praza da Alameda e a partir das 17:00 horas, o Apalpador chegará a Gondomar. En caso de choiva trasladarase ao Auditorio Lois Tobío. E o venres 4 de xaneiro, haberá unha Festa de Inchables no Pavillón de Deportes, desde as 16:30 ata as 19:30 horas, con inchables pequenos, medianos, grandes e de bólas.

O broche de ouro poñerao a Cabalgata das súas Maxestades os Reis Magos, o 5 de xaneiro ás 18:00 horas, percorrendo a Avda. Diego Sarmiento de Acuña, Elduayen e Eduardo Iglesias, para finalizar na Praza da Alameda (en caso de choiva a recepción dos nenos e nenas trasladarase ao Pavillón de Deportes, e o XXXVII Certame de Rondallas de Reis, o 6 de xaneiro de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 19:00, na intersección entre as rúas Eduardo Iglesias e Elduayen. En caso de choiva aprazarase a outra data.