Acción no Val Miñor por un futuro sen carbón

A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”, da que forma parte o colectivo miñorán Co-mando Ghichas, estase a mobilizar estes días coincidindo co cumio sobre o cambio climático (COP 24) que se inicia xustamente hoxe en Polonia.

Dende o Val Miñor súmanse aos actos que se están a levar adiante en moitas localidades tanto a nivel galego, como do estado e europeo, para chamar a atención sobre a necesidade dun cambio enerxético e do peche do carbón en 2025 como data límite. “España é o único país de Europa occidental que non ten data fixada e isto é indispensable para poder planificar o futuro das industrias que poderían transformarse para evitar as perdas de emprego”, sinalan.

Segundo a plataforma, poñer fin ao carbón como combustible fósil altamente contaminante é urxente para paliar o cambio climático. É necesario un novo modelo enerxético cara ás enerxías renovables e non contaminantes, cara ao aforro e á eficiencia enerxética .Isto xa é posible, hai alternativas, non ten sentido que o carbón siga presente como fonte de enerxía para as térmicas.

En Galicia hai cinco grandes multinacionais propietarias de fábricas que acumulan máis do 40% das emisións anuais galegas de dióxido de carbono (CO2) e outros gases con efecto invernadoiro. Entre estas están ás centrais térmicas das Pontes (ENDESA) e Meirama (Naturgy-antes Gas Natural Fenosa-), as máis contaminantes, entre as dúas producen un 30% destas emisións.

PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL “O LADO ESCURO DO CARBÓN”

Seguindo coas actividades de concienciación e difusión relacionadas con este tema convidan ao público a asistir á proxección do documental “O lado escuro do carbón”, presentado por un activista de Greenpeace. Posteriormente haberá un debate aberto sobre o mesmo. Será o próximo venres día 7 de decembro ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas, sede do IEM, en Gondomar.

2-001