Sin categoría

De Nigrán a Ferrol facendo teatro

Teatro do Ar presenta este domingo no centro cultural de Caranza (Ferrol) a súa obra orixinal “Marionetas”, dentro do programa do Concello de Ferrol “Domingos a escena”, organizado en colaboración con Max Teatro. Trátase dunha composición escrita por Pedro Rodríguez, un dos integrantes do grupo, e que reflexiona sobre como unha guerra estúpida pode chegar a afectar a todo tipo de relacións persoais. O público verá no teatro unha historia “distinta e comprometida”. “Será unha pequena inmersión nos dilemas que temos todos e todas”, explica. A obra é ás sete da tarde no centro cultural de Caranza con entrada libre.

Teatro do Ar é un grupo de mozos de Nigrán creado fai sete de anos. Ningún dos actores supera os 23 anos e o seu director ten só 22. Comezaron no teatro representado clásicos de Shakespeare ou Óscar Wilde, pero hai dous anos decidiron cambiar a súa forma de actuar e apostaron polo teatro orixinal. “Marionetas” é a cuarta creación que nace en Teatro do Ar. Á súa vez o grupo tamén ten en marcha distintos proxectos de colaboración con centros de maiores e de diversidade funcional.