Alberto Meira consegue o subcampionato galego tras unha nova vitoria co Fabia R5

Pechando o pano do certame autonómico, o Rallye Ribeira – Ría de Arousa ía ser unha cita moi importante para os intereses e sobre todo a moral do equipo AMF Motorsport, que viña crecido tras o triunfo do San Froilán e a cita barbancesa só podía ratificar que o cambio de montura ao Škoda Fabia R5 significaba un gran salto de calidade.

E é que desde o comezo, Alberto Meira comezou a cita arousá atacando, marcando o scratch inicial como carta de presentación nun rallye que ía ser moi pelexado. De feito, na segunda sección, xa de noite, un erro nunha zona estreita facíalle perder ao piloto gondomarense o liderado da proba, índose a durmir a pouco máis de dous segundos da cabeza.

O domingo ía estar aínda máis axustado e non foi ata o segundo tramo da xornada cando Meira conseguía de novo darlle a volta á situación tras marcar o mellor tempo e situarse á fronte por menos de dous segundos, coa última sección por disputarse. Saíndo ao ataque nos dous tramos decisivos, non aptos para cardíacos, Meira lograba ceder tan só un par de décimas, conseguindo xunto a José Murado a segunda vitoria consecutiva por uns míseros 1,6 segundos.

Á súa chegada a parque pechado, o piloto de Vincios, relataba a súa visión da carreira: “Hoxe foi un final de infarto, unha desas carreiras que crean afección, ademais xogándonos o subcampionato galego e a terceira praza do Supercampionato R5 AD Regueira. Felicitar a Jorge Pérez polo carreirón que fixo, estivemos ata a milésima apertando, incluso tendo parciais a metade de tramo. Agora toca pensar na próxima tempada e continuar mellorando aos mandos do Fabia R5”.

Con este resultado, o equipo AMF Motorsport termina con moi bo sabor de boca a tempada 2021, que se torceu desde o inicio, pero que dá esperanzas para poder loitar por un novo título autonómico o próximo ano.