Sin categoría

Ferreira levará a Manifesto Miñor aos xulgados por inxurias e calumnias

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, anuncia que presentará unha querela criminal por inxurias e calumnias contra Manifesto Miñor polas acusacións de cobrar dietas por quilometraxe co seu vehículo particular, despois de adquirir o Concello un vehículo oficial para tal fin, “algo totalmente falso, como demostro co informe da Interventora Municipal que certifica a quilometraxe cobrada por min e coa data de adquisición do vehículo municipal”.

“Ademais esixirei responsabilidades penais a Manifesto Miñor, por acusarme de meter a man na caixa no pleno de novembro. Acusacións moi graves que non podo tolerar, porque en política non vale todo e a lameira ao que nos ten afeitos Manifesto Miñor, as difamacións e inxurias vilmente vertidas sobre a miña persoa, non podo permitilas”, engade Ferreira.

O alcalde asegura que desde que se comprou o coche non cobrou nin un só euro en quilometraxe. O vehículo foi adquirido o 26 de xuño de 2018 por importe de 15.900 euros, e segundo indica as dietas cobradas son de xaneiro, febreiro, marzo e abril. Un informe de Intervención elaborado a petición de Ferreira recolle que os gastos de locomoción cobrados na nómina de outubro, por importe de 618,89 euros, corresponden aos meses de decembro de 2017 e xaneiro de 2018. Na nómina de novembro, o alcalde cobrou 724,25 euros pola quilometraxe dos meses de febreiro, marzo e abril, “antes de ter o coche”.

“Por sorte, nun pobo como Gondomar coñecémonos todos, e a este tipo de representantes os cidadáns téñenos moi calados. Grazas aos tantos e tantas que me demostrades diariamente o voso apoio e agarimo”, conclúe Ferreira.