
Baiona viviu desde os comezos da súa historia do comercio pero tamén da pesca. En 1550 o licenciado Molina mencionaba a importancia desta actividade no municipio de Baiona. Sacando proveito do porto xurdiron no século XIX algunhas conserveiras. Con anterioridade no século XIX, sabemos que Baiona tiña 10 barcos de pesca e que se descargaban 15.000 quintais de sardiña, 4.000 de pescada e 100 de melga. Este pescado descargábase na praia coñecida na actualidade como A Ribeira e máis antigamente como Praia do Pescado. Nesta praia protexíanse os botes do mar, calafateábase e nela desembarcábase o pescado para levalo á lonxa. Na foto de Hauser y Menet pódese apreciar a lonxa ou praza do pescado á esquerda da vista; na praia, algúns botes e un pequeno vapor de pesca descansan na area da praia. Ao fondo un Monte Real moi distinto ao de hoxe. A casa coñecida como de Pedro Madruga aínda se mantén en pé e á dereita da foto, borroso, o palacio de Bedriñana, hoxe desaparecido e cambiado polo moderno edificio do Parador.
Serie xeral de Hauser y Menet
En 1904 Hauser y Menet introduce na súa serie xeral 19 tarxetas postais de Baiona. Ese ano emitíronse dúas edicións co mesmo reverso, cambiando unicamente a colocación tipográfica do anverso. Esta tirada debeu ser máis ben alta. Como di Carrasco Marqués, destacan polo seu tipismo e cotización as referentes ás escenas populares de mercados sendo estas as máis difíciles de atopar por existir un gran coleccionismo do tema en España.
Publicado en “O Val Miñor na Tarxeta Postal” (1999) de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga. Editado pola Deputación de Pontevedra.