Sin categoría

Produtores locais de Gondomar fórmanse en hixiene alimentaria

Co ánimo de contribuír á formación dos veciños e das veciñas de Gondomar, dende Manifesto Miñor organizaron o primeiro dos cursos de formación para a veciñanza do Val Miñor. Trátase do curso de hixiene alimentaria destinado a produtores locais e, máis concretamente, para membros da Asociación O Toxo, que vén desenvolvendo os Encontros de Consumo Responsable no Concello de Gondomar. O curso estivo a cargo da produtora e formadora Amparo Grandío, licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, enxeñeira técnica agrícola e diplomada en Ciencias Químicas.

Así mesmo, desde Manifesto Miñor lembran que aínda quedan algunhas prazas para o curso xeral de manipulador de alimentos aberto a toda a veciñanza do Val Miñor. Este curso ten unha taxa de inscrición de 10€ por persoa, comezará unha vez se teñan inscritas un mínimo de 10. As prazas cubriranse por orde de chegada das solicitudes. As persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico ao enderezo manifestominhor@gmail.com indicando o seu NOME e APELIDOS, DNI, E-MAIL e TELÉFONO para contactar con elas.