“Un espectáculo tinguido pola irresponsabilidade”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Os concelleiros do BNG na sesión plenaria.

Consumouse a oportunidade perdida para que o Pleno Municipal de Baiona aprobase uns orzamentos de consenso. Unha vez que a situación da Corporación Municipal mudou, para o BNG era a hora de que todos os partidos fosen responsables “e esa responsabilidade máxima tiña que recaer na equipa de goberno, polo que debeu producirse unha tramitación consensuada dos orzamentos. Ninguén debería pretender aproveitar esta situación para tirar rédito partidista e moito menos bloquear o concello por revanchismo político”.

“Toda esta inestabilidade que o Partido Popular xerou cos seus problemas internos, co campo de golf, coas sentenzas xudiciais, son os veciños e veciñas quen están a sufrir esta mala xestión, que ao fin e ao cabo certifica un fin de ciclo dun goberno esgotado”, afirman os nacionalistas.

“A forma de traballar do BNG referéndase unha vez máis realizando a tarefa que lle corresponde, traballando sobre os orzamentos e propoñendo unhas emendas de mínimos para que sexan uns orzamentos sociais, mais en ningún caso derivando no seu apoio. Nesa responsabilidade o BNG foi o único en presentar alternativas ao PXOM, ao campo de golf, na declaración institucional polo 25N ou ao IV Plan de Igualdade este Homes e Mulleres (PIOM), polo que do mesmo xeito presentou emendas aos orzamentos”.

As achegas do BNG, apoiadas por unanimidade, derivan na creación dun programa contra a pobreza enerxética dotada con 5.000 €, a adhesión ao Fondo Galego de Cooperación Internacional por 2.000 €, o desenvolvemento do IV PIOM por 5.000 €, a creación dunha partida de asistencia social primaria para equipamento escolar e outra para comedores escolares, cada unha delas por 2.500 €, un programa de obradoiros e cursos sociais por 10.000 €, unha partida dedicada á terapia familiar e psicolóxica por 8.000 € e un programa de educación familiar por 8.000 €.

Todos estes novos programas e partidas sociais, que conforman a totalidade de 43.000 €, minoran partidas correspondentes a atencións protocolarias e de publicidade e propaganda.

O resultado final foi un Pleno Municipal cunha concelleira recusada por mandato legal, un PSOE ausente e un Partido Popular que estando en minoría acaba aprobando os orzamentos en solitario.

“Con todo, a responsabilidade de EU e BNG achegando emendas que melloraron notablemente o documento inicial non palía o mal sabor de boca que deixa un debate tosco e que non merece o noso concello. Baiona precisa responsabilidade, capacidade de diálogo e defensa dos intereses da veciñanza por riba dos partidistas, ese é o obxectivo principal daqueles que ostentan a representación política e o BNG sempre o abandeirará, por dignidade e coherencia”, conclúen os nacionalistas.

Anuncios