Anuncios
Ticker de novas

Os veciños de Gondomar continuarán coas mobilizacións para reclamar un transporte digno

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Manifestación por un transporte digno en Gondomar.

Na reunión celebrada o pasado mércores a Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar aprobou un documento, que xa lle remitiron ao Servizo de Mobilidade da Xunta en Pontevedra e ás empresas ATSA e Melytour, onde se recollen as demandas de mellora do servizo de transporte público colectivo no concello de Gondomar, xunto coa solicitude de reunións para a súa posta en común.

Así mesmo a Asemblea, ademais de apoiar unanimemente a continuidade de Manuela Rodríguez como portavoz, acordou continuar coas mobilizacións para visibilizar os problemas de mobilidade que teñen no conxunto das dez parroquias do concello. A primeira será mañá xoves 22, ás 12:45 horas, nas inmediacións da estación de autobuses de Gondomar, e fan un chamamento de apoio a todas as persoas que se poidan achegar.

A polémica do valo

En canto á denuncia contra o alcalde por parte da Xunta por culpa dun valo publicitario, desde a Asemblea Veciñal afirman “descoñecemos se, por telo colocado o concello, o texto do valado incorre nalgunha ilegalidade ou se a colocación foi un acto desleal. É un lema que usamos nas mobilizacións da Asemblea Veciñal porque entendemos que o servizo de transporte público digno que non temos hai que llo demandar a quen ten a obriga de prestalo, é a Xunta quen ten as competencias”.

En calquera caso, agora o valo xa non está, pero os problemas do transporte no concello continúan e a Xunta segue a negarlle á veciñanza o uso da tarxeta metropolitana e os conseguintes descontos nas viaxes.

Anuncios