O PP pide ao goberno de Gondomar que suspenda a licitación dos postos da Praza de Abastos

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Un dos postos da Praza de Abastos.

O Partido Popular de Gondomar pide ao Goberno municipal que suspenda o procedemento de licitación dos 28 postos da praza de abastos e intente buscar alternativas. Así o proporán no próximo pleno municipal, no que o PP defenderá que se limite aos 12 postos que están libres e que se estuden fórmulas para regularizar os que xa están ocupados e explotados desde hai décadas.

O PP de Gondomar, entende que a situación de conflito xerada cos praceiros merece ser obxecto de un debate profundo, “co que se intente alcanzar unha solución que, por unha banda, atenda á necesidade do Concello de licitar os postos baleiros, pero sobre todo que non cause prexuízos irreparables nin deixe desprotexidos aos praceiros que levan décadas exercendo a súa actividade”.

Nesta liña, a presidenta local do partido, Paula Bouzós, critica que “o Goberno local non pode mirar cara outro lado neste conflito, porque son precisamente eles os que están creando un problema para as 16 familias que agora ven en perigo o que foi seu posto de traballo durante anos. Esiximos diálogo, pero sobre todo, esiximos que exploren todas as alternativas antes de seguir con este proceso”.

Por iso pedirán que se suspenda de xeito inmediato o procedemento, e ao mesmo tempo que se solicite un informe xurídico ao secretario municipal para que valore a viabilidade de limitar o procedemento aos 12 dos 28 postos que están libres, así como sobre as posibilidades de aplicar outras fórmulas legais distintas do procedemento de concurso público, que permitan regularizar a situación dos praceiros que levan explotando os postos desde hai décadas.

“Se hai vontade política do Goberno local, pódese chegar a unha solución que sexa boa para todos, para o Concello de Gondomar, pero tamén para os vendedores da Praza de Gondomar”, conclúe.